Veciñanza de Muras recupera 461 hectáreas de terreo que o franquismo lle sacou hai 66 anos

Imaxe: Google Maps

Foron terreos no monte da Gañidoira e a Fraga de Ximarás que en 1952 o Estado lles quitou aos propietarios para facer repoboacións.

O proceso non foi rápido nin doado mais finalmente veciños e veciñas de Muras, un concello nas montañas do Xistral, entre a Terra Chá e A Mariña, recuperan os terreos que a principios da pasada década dos 50 lles sacara o Estado franquista. O Pleno de Muras aprobou por unanimidade (BNG, PP e PsdeG) esta medida, tal e como informa El Progreso de Lugo.

 

Unha medida que vén facer xustiza a por volta de medio cento de propietarios aos que, en palabras do alcalde, o nacionalista Manuel Requeijo, "a ditadura usurpou estes terreos", situados na Gañidoira e Ximarás.

 

Foi en 1952 e coa desculpa de que esa zona ía ser obxecto de plans de reforestación. Prohibiuse á veciñanza que tiña terrenos nesa zona que realizasen rozas ou pastoreo. Eran os anos nos que o franquismo apostaba por reporboacións masivas de eucaliptos e piñeiros nos montes galegos.