A veciñanza de Monfero acusa o Sergas dunha deficiente atención sanitaria

Imaxe de arquivo do centro de saúde de Monfero. (Foto: Redacción Médica)

Unha denuncia cidadá afirma que desde principios de ano están cun só médico, cuxo traballo se complementa de maneira puntual polas visitas doutro doutor. Porén, están recollendo sinaturas para conseguir unha segunda praza fixa.

Usuarias do centro de saúde de Monfero comezaron unha campaña de recollida de sinaturas para protestar ante o Sergas polo que consideran unha deficiente atención sanitaria. Ademais das reclamacións, algunha persoa presentou, a nivel particular, a súa protesta ante a Valedora do Pobo.

Segundo informa un representante do colectivo, até finais de 2020 había dous médicos no cadro de persoal do ambulatorio. Un xubilouse e “a xerencia da área sanitaria intentou cubrir a súa vacante cun médico que ven unhas horas un par de días á semana”, explican.

No entanto esa atención xa era complexa e, ademais, desde mediados deste mes desaparece ese segundo facultativo da programación.

“Podemos entender que un médico polo ratio pode ser suficiente mais o problema que vemos é que o concello de Monfero presenta dúas características que fan inviábel ter un bo servizo con un so médico: a súa extensión e a idade das doentes”, indica.

Así, percorrer a xeografía do municipio non é algo rápido e, ademais, moitas persoas son dependentes e non teñen facilidades para achegarse ao centro de saúde. En consecuencia, se só hai un doutor que sae ás visitas a domicilio, o ambulatorio queda “sen médico e a xente citada ten que agardar a que volva”. Malia que o Sergas estipula “o tempo dunha visita a un domicilio de 15 minutos contando o desprazamento”, cando o tamaño do concello fai imposíbel eses máximos.

A xestión das reclamacións, para unha soa administrativa "poco a poco"

“Que pasaría se por un casual se dan dúas urxencias ao mesmo tempo?”, preguntan como problema engadido, a maiores da “saturación mental e física”.

“Ante a avalancha de reclamacións presentadas no centro, a administrativa vendo que si se centraba en facelas segundo o protocolo non podería atender as necesidades do centro decidiu mandalas nun sobre e cal é a nosa sorpresa que llas devolveron cunha nota que dicía "gracias, pero tienes que hacerlo poco a poco", engade o voceiro.

Esta demanda de persoal para a Atención Primaria dos concellos máis rurais ou afastados non é nova, pois Guitiriz ou A Guarda, entre outros teñen protagonizado queixas similares.

Porén, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, advertía esta cuarta feira no Parlamento que a Xunta non tiña culpa de que as profesionais non quixeran ir, por exemplo, a traballar na Guarda. “Se non o quere ninguén, será culpa nosa tamén?”, ironizou en referencia a un contrato de 60.000 euros anuais na vila.