A veciñanza mobilízase en Monforte contra a chegada do discurso de odio de Vox, co centro de menores no albo
A portavoz de Vox na Asemblea de Madrid e responsábel da chamada 'Axenda España' da formación ultraespañolista, Isabel Pérez Moñino, visita esta terza feira Monforte de Lemos no marco da súa campaña contra a acollida de menores migrantes. O acto terá lugar fronte ao primeiro centro específico para estes rapaces na Galiza, situado no edificio residencial Francisco Suárez, convertido en diana da extrema dereita nas últimas semanas.
A chegada de Pérez Moñino prodúcese pouco despois do ataque ao centro específico para menores migrantes que se vai abrir na Galiza en Monforte, cedido pola Asociación Prodeme (de apoio e servizos ás persoas con discapacidade intelectual) á Consellaría de Política Social. O inmóbel apareceu este sábado incendiado e coas xanelas esnaquizadas, un ataque se se suma a pintadas e accións intimidatorias que colectivos sociais vinculan directamente coa escalada de discursos de odio promovidos por Vox. Lonxe de condenar estes feitos, o partido ultraespañolista insiste en criminalizar os menores e alimentar a confrontación social.
Desde entidades veciñais e organizacións de defensa dos dereitos humanos denuncian a responsabilidade da Xunta da Galiza por non reforzar os recursos públicos nin facer pedagoxía social en defensa da convivencia e da acollida. O Goberno galego, din, prefire manter un perfil baixo e evitar un discurso firme, mesmo cando se trata de garantir dereitos básicos a rapaces non acompañados. Aliás, asaccións de acollida ás persoas menores migrantes chegadas a diversos puntos do Estado, sobre todo Canarias, Ceuta, Melilla ou Balears, non deben ir encamiñadas a accións segregacionistas, destacan profesionais da educación social, das entidades que traballan con persoas migrantes e doutros colectivos implicados.
No Parlamento galego, BNG e PSdeG critican o seguidismo da Xunta da Galiza ante a axenda da extrema dereita, mentres Vox aproveita a apertura do centro de Monforte para situar Galiza no seu mapa de confrontación política. Nun contexto europeo de incremento dos ataques racistas, colectivos sociais lembran que Galiza ten capacidade e responsabilidade para ser terra de acollida, non un escenario para a propagación do odio.
Nesta liña, unha contraconvocatoria está programada para esta terza feira ás 16 horas, no mesmo lugar en que media hora máis tarde comparecerá Isabel Moñino. É, explican fontes próximas á convocatoria, un chamamento a rexeitar os discursos de odio e o fascismo.