Veciñanza de Lugo protesta contra a concentración da asistencia nun só centro os sábados

Servizo de Emerxencias do Hospital Universitario de Lugo (Hula) (Imaxe: Europa Press).
Saírán ás rúas o vindeiro 17 de outubro para reclamar ao Sergas que volva recibir pacientes nos seus anteriores centros de referencia.

O vindeiro sábado 17  de outubro a veciñanza luguesa concentrarase na contorna do Centro de Saúde Sagrado Corazón, situado no barrio do mesmo nome. A súa protesta obedece á decisión da xerencia da área sanitaria de concentrar a atención médica no centro de saúde de Fingoi os sábados.

"Isto provoca graves molestias de distinta índole aos usuarios que precisen atención", sinalan desde a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo e a Plataforma en Defensa da Sanidade e Especialidades do Hospital Universitario de Lugo.

Entre outras, citan os "desprazamentos innecesarios", os problemas para aparcar, a necesidade de procurar vehículos de alugueiro por quen non dispón deles ou a posibilidade de perder o seguimento médico.

"Igualmente e en tempos de pandemia, aumentaría o risco de contaxios por concentración de usuarios de distintas partes do termo municipal", agregan.

Unidade de ictus

A concentración tamén servirá para sacar á rúa dúas reivindicacións relativas ao hospital de Lugo. A primeira, a implantación dunha unidade completa especializada no tratamento de ictus nun hospital que diagnostica "máis de 800 casos" anuais.

A segunda, a da cirurxía robotizada na primeira área en solicitala ao Servizo Galego de Saúde.