A veciñanza de Lugo coñece o ecobarrio

Plano do barrio multiecolóxico que proxecta o Concello de Lugo (Imaxe: Concello de Lugo)
Conceptos como arquitectura sostíbel ou eficiencia enerxética son cada vez menos alleos á sociedade, mais na Galiza queda moito por facer. No camiño introducíronse novidades como os ecobarrios que, co pulo das subvencións europeas, se proxectan nas cidades de Lugo ou Ourense. 

O rápido crecemento urbanístico, a migración do rural ás urbes e a multiplicación dos barrios nestas foi a tónica das décadas dos 50, 60 e 70 na Galiza. Os edificios que naceron desta oleada de ladrillo arrastran desde aquela as consecuencias dunha política urbanística orientada á obtención de máximos beneficios.

Na actualidade, unha parte importante dos orzamentos europeos oriéntase cara á sustentabilidade e á eficiencia enerxética das vivendas. Na Galiza, unha alta porcentaxe dos fogares suspenden nestes termos. "Un edificio dos 50 considerábase illado con dous centímetros de poliuretano. Empregábanse ladrillo e formigón, materiais pouco transpirábeis, e logo viñan os problemas das condensacións ou as perdas caloríficas", explican desde a cooperativa Hábitat Social, formada por profesionais da arquitectura e do urbanismo, a Nós Diario

Unha das fórmulas que achegan no camiño á sustentabilidade é retroceder unhas cantas décadas. "Deberiamos preocuparnos polo que non teríamos que ter perdido: a pedra, a cal, a madeira, o barro", valora a cooperativa. A produción destes materiais, a diferenza do formigón ou do plástico, é menos contaminante e máis sostíbel.

A onda dos ecobarrios

Xunto ao de vivenda enerxeticamente eficiente ou de arquitectura sostíbel chegou á Galiza unha novidade en materia urbanística: o ecobarrio. O arquitecto José María Alonso define os ecobarrios como "aldeas urbanas". "A nivel enerxético empregan fontes de enerxía próximas como paneis fotovoltaicos ou biocombustíbeis, e a nivel social apostan polos espazos verdes, os lugares comúns onde as veciñas desenvolvan o seu día a día", explica a Nós Diario. Alonso confróntaos cos barrios 'dormitorio' e cos centros comerciais con espazos de ocio, cos coches como fío condutor. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.