A veciñanza de Leira pide axuda: "Non se trata de oito vivendas queimadas, son decenas de casas destruídas"
A veciñanza de Leira (Vilamartín de Valdeorras) solicitou axuda ás administracións nunha carta aberta á opinión pública tras os incendios que afectaron o lugar. "Vivimos unha catástrofe sen precedentes co incendio de Larouco. O noso núcleo quedou practicamente arrasado. Non se trata de oito vivendas, como se chegou a dicir, senón de decenas de casas destruídas", sinalan.
"Moitas delas son tratadas como 'segundas vivendas', cando en realidade son casas abertas para as nosas familias, que nunca puidemos residir a diario aquí polos problemas de acceso aos que nos someteron durante 30 anos", continúa a veciñanza nesta carta aberta.
"Hoxe, semanas despois, seguimos rodeados de cascallos que non podemos enfrontar individualmente. E aínda que se anuncien axudas, a realidade é que a reconstrución de San Vicente de Leira non pode depender de trámites individuais, senón dun plan global e coordinado", explican.
"Ademais, a devastación do monte déixanos nunha situación de perigo inminente de inundacións cando cheguen as choivas. A falta de vexetación converte os montes nunha ameaza adicional para as nosas vidas e o pouco que queda en pé, así como a dos núcleos que están debaixo do leito do noso río", destacan.
Por outra parte, segundo acrecentan, "as ruínas das casas queimadas convértense en trampas mortais para as persoas que aínda viven no lugar". Por iso, reclaman publicamente "un plan urxente de para a retirada dos cascallos e a limpeza do lugar, coordinado e financiado desde as administracións".
Ademais, tamén solicitan "o recoñecemento da magnitude real da traxedia, que afecta a un núcleo enteiro"; "un plan integral de reconstrución rural, con vivendas, infraestruturas, servizos básicos e medidas fronte ás inundacións", así como "axudas extraordinarias que non se limiten á clasificación de 'primeira' ou 'segunda' vivenda, que non reflicte a nosa realidade".
"Dicímolo alto e claro, isto non é caridade, é xustiza social. Débennolo tras anos do abandono ao que fomos sometidos. San Vicente de Leira non quere desaparecer. Queremos reconstruír o noso núcleo, mais necesitamos a implicación real de todas as administracións", conclúen.