Reactivada a Situación 2 no Bolo pola proximidade do lume a Santa Cruz
A Consellaría do Medio Rural informou da reactivación da Situación 2 no incendio forestal do municipio do Bolo (comarca de Valdeorras) pola proximidade do lume ás casas. As medidas de protección á cidadanía actívanse agora no núcleo de poboación de Santa Cruz e o incendio calcina, segundo as últimas estimacións da Consellaría, máis 120 hectáreas. Ademais, segundo informa o 112 Galiza, tamén se procedeu ao corte da vía ferroviaria entre Santo Estevo e Os Peares.
As Ermitas, O Bolo. 4:00 am. pic.twitter.com/iuqmeJuJoz
— Jorge Monroy© 🇪🇺 (@Jorge__Monroy) September 19, 2025
En concreto, o incendio comezou pasadas as 23.45 horas desta quinta feira na parroquia de Vilaseco e atópase próximo ao núcleo de poboación de Santa Cruz. Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción catro axentes, sete brigadas, cinco motobombas e unha pa.
#IFVilasecoOBolo tras una evolución favorable durante toda la mañana , el fuerte viento las altas temperaturas y la baja humedad provocaron una fuerte reproducción pic.twitter.com/KWnWmWpZWM
— Incendios galicia (@Incendiosgalic1) September 19, 2025
360 hectáreas queimadas en Pantón
As hectáreas queimadas polo incendio forestal que afecta nas últimas horas ao municipio de Pantón (Terra de Lemos) soben a 360, tras decretarse esta quinta feira a Situación 2 de emerxencia como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Lornís. Por outra parte, esta sexta feira, os medios aéreos foron retirados por baixa visibilidade e volveron á base da Merca para esperar a que melloren condicións meteorolóxicas.
En concreto, o incendio comezou ás 14.16 horas desta quinta feira e, segundo as últimas estimacións trasladadas pola Consellaría do Medio Rural, calcina unha superficie de 360 hectáreas. Así mesmo, un brigadista tivo que ser evacuado debido á inhalación de fume durante esta madrugada. En concreto, foi trasladado ao hospital comarcal de Monforte, aínda que en estado leve e xa foi dado de alta.
A circulación de trens entre Lugo e Ourense tivo que ser interrompida a causa do incendio. Adif informou do corte de circulación pasadas as 16.30 horas, ante o que se estabeleceu un plan de transporte alternativo por estrada para garantir a mobilidade das persoas viaxeiras. Esta sexta feira non houbo cambios na situación.
Ademais, o incendio tamén levou a interromper ao longo da tarde desta quinta feira a circulación na estrada que une Santo Estevo de Ribas de Sul e Ferreira (LUP4103).
A UME desprázase á Galiza
A dificultade na extinción dos incendios do Bolo e Pantón así como a proximidade a núcleos de poboación fixeron que efectivos do Quinto Batallón de Intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME) con base en León foran desprazados á Galiza para colaborar na extinción dos incendios activos. Así o confirmou a UME a través do seu perfil oficial da rede social 'X'.
Salen de su base en León unidades del Quinto Batallón de Intervención @UMEgob para sumarse a los trabajos de extinción de los incendios forestales #IFVilasecoOBolo y el #IFPombeiroPantón en #Galicia #Compromiso #Servicio #Humildad pic.twitter.com/CCW94fJcic
— UME (@UMEgob) September 19, 2025