Veciñanza de Valdeorras retruca á Xunta que as casas calcinadas que deixa sen axudas non están abandonadas

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou este 17 de setembro a oficina agraria móbil habilitada pola Xunta da Galiza en Vilamartín (Valdeorras) para atender as persoas afectadas polos incendios. (Foto: Xunta da Galiza)

Segundo os datos facilitados pola propia Xunta da Galiza, durante a peor vaga de incendios da historia recente do país, a do pasado agosto, arderon un total de 144 inmóbeis, dos que 13 eran vivendas habituais e 42, segundas residencias. Non recibirán axudas as 89 restantes por se consideraren “abandonadas”; porén, a veciñanza de Leira (Valdeorras) discrepa e afirma que si estaban a ser utilizadas. “Doe moitísimo que che digan que a casa dos teus avós era unha palleira”, lamenta unha das afectadas, Rosana Fernández.

 

O pasado 29 de agosto o Goberno galego celebraba en Ourense unha reunión do Consello da Xunta que daba luz verde á liña de axuda para as persoas afectadas pola maior vaga de incendios da historia recente do país. Ese mesmo día en rolda de prensa o presidente, Alfonso Rueda, falaba de 144 edificacións calcinadas polo lume, 8 delas vivendas habituais e 42 consideradas pola Xunta como “segundas residencias”. Das 94 restantes non di nada a orde de axudas por consideralas “abandonadas”. O 9 de setembro Rueda comparecía no Parlamento galego e mudaba as estimacións iniciais da Xunta: mencionou as mesmas 144 vivendas, pero elevou a 13 as “habituais”.

A Xunta deu publicidade ás súas axudas no Diario Oficial da Galiza (DOG) do sábado 30 de agosto e anunciou a posta en marcha de 16 oficinas de información para a súa tramitación en todo o país. 15 días antes Rosana Fernández sacaba ás presas o seu pai da súa vivenda en Leira, a aldea de Vilamartín (Valdeorras) que ardeu practicamente na súa totalidade. “Leveino e pensei en volver para tentar apagalo, pero o meu fillo non me deixou. Aquilo era un inferno”, lembra, en conversa con Nós Diario. A familia de Rosana perdeu entre as lapas toda a súa vida e mais "a historia familiar". No mesmo incendio ela perdeu “a casa dos avós”, e as súas tías e curmáns outros inmóbeis na aldea que estaban coidando e restaurando para compartir tempo de lecer en familia. “Ninguén se fai agora cargo diso, e doe moitísimo”, lamenta.

A vivenda dos seus avós en Leira, explica, “estaba perfectamente coidada”, e o mesmo acontece con outros inmóbeis que arderon e “que a veciñanza usaba como lugares de encontro ou garaxes”, entre outros usos, e que agora a Xunta considera “abandonados”. Rosana Fernández está a consultar a posibilidade de recibir axudas para rehabilitar o perdido co lume, pero están "en terra de ninguén”, denuncia. “Toda a miña familia perdeu as casas. Dá igual que sexan segundas vivendas, estabamos coidando a aldea con moita ilusión. E o que máis indigna é que veñan e che digan que a túa casa era unha palleira”, afea.

"Somos persoas, non un cheque"

Na terza feira Leira recibiu a visita da conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, e o anuncio de que a Xunta fixera a transferencia de máis de 900.000 euros en axudas para reparar as primeiras vivendas afectadas. Rosana Fernández estivo alí, e onte mesmo confirmou co seu pai –que desde o incendio reside en Ponferrada (O Bierzo) coa súa parella agardando a que poida volver á súa casa– a recepción da transferencia bancaria. Critica tamén a “propaganda” que está a facer a Xunta cos actos en vilas afectadas: "Veñen dividir os veciños e que digan, 'ti cobraches e eu non', ou 'por que ti cobraches mais ca min'... Somos persoas, non un cheque”.

Asegura, logo de asesorarse con distintas persoas expertas arredor da tramitación das axudas, que a orde publicada pola Xunta "está mal redactada", e apunta ao baremo disposto destacando que nunha aldea como Leira “custa o mesmo reconstruír as casas”, pero o Goberno galego “distingue entre primeira e segunda vivenda". "Aos primeiro pídelles o padrón e aos segundos un recibo do IBI ou da luz”, di.

Censura tamén que nos encontros da veciñanza afectada con representantes da Xunta pediron "que asuman a realidade e os erros cometidos, xa que iso é o que deben facer as administracións responsábeis”, pero “a iso só responden que xa foi e que non hai que botar culpas”, indica. O problema, di, é que “no incendio eles non estaban aquí, e tal como van as cousas o ano que vén seguiremos ardendo”.

Os relatos da veciñanza

Felipe López é un hostaleiro na comarca de Valdeorras natural de Leira (Vilamartín). A vivenda dos seus avós foi unha das poucas que se salvou do lume en toda a aldea. “Tamén tiña tres casas, dúas dos meus tíos solteiros e outra da miña nai, que si arderon durante os lumes de agosto, pero non vou reclamar... Para que as vou amañar, para pagar impostos?”, cuestiona.

Soubo que ardía a súa aldea o 16 de agosto. "Pola tarde collín a moto e tentei entrar na aldea, pero estaba todo cheo de lume e de árbores caídas”, lembra. Voltou á mañá seguinte e “estaban ardendo as casas, aquilo era o inferno”. “Fun a primeira hora e foi cando chegaron os do exército e os voluntarios”, sinala.

No caso de Encarna, o inmóbel afectado pola vaga de lumes da súa propiedade en Leira está considerado segunda vivenda. Está a tramitar as axudas para a reconstrución. “De momento non sabemos nada, só están tramitando as das primeiras vivendas. Non fixeron nada, a nós dinnos que aínda non hai nada”, conta. Ademais, afirma que primeiro precisarán "unha orde para retirar os cascallos”. Esta veciña lembra o acontecido o 12 de agosto: “Foi un desastre, non me marcha da cabeza o incendio, teño 70 anos e nunca vira un lume así”. E critica, ao mesmo tempo, que no peor momento da vaga de lumes que afectou Valdeorras “non veu ninguén”.

Continúa a campaña de alto risco de incendios

Galiza segue inmersa na tempada de alto risco de incendios. O domingo declarábase un no concello de Barreiros (A Mariña) que segundo Medio Rural quedou controlado ás 22 horas da pasada terza feira. Esta cuarta feira a Consellaría elevaba a 140 as hectáreas afectadas neste lume, declarado na parroquia de San Xusto de Cabarcos, no que resultaron feridos cinco brigadistas que ao feche desta edición permanecían ingresados na Unidade de Queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) con prognóstico “grave”. No mesmo centro están ingresados desde agosto outros dous profesionais feridos no incendio de Oímbra (comarca de Verín), un deles grave e o outro “con evolución favorábel”.

Dos feridos en Barreiros, un dos brigadistas, de 24 anos, ten afectado 25% do corpo e sufriu intoxicación por fume. Outro, de 25, sufriu queimaduras en 15% do seu corpo. O terceiro ferido ten 24 anos e 10% do corpo afectado. Tamén están ingresados un bombeiro de 29 anos cunha afectación de 8% e un brigadista de 27 con queimaduras en 5% do corpo.

"Nin autocrítica nin responsabilidades"

Rosana Fernández (á dereita) con Arsenia, unha veciña, en Leira. (Foto: Gustavo de la Fuente / Europa Press)

Continúan as peticións de “transparencia” e as denuncias dos “erros” cometidos no dispositivo de prevención e de extinción por parte da Xunta da Galiza. Esta cuarta feira o PSdeG exixiu á Deputación de Ourense información sobre os danos dos lumes na estación de Maceda de Trives (Terra de Trives), e no Parlamento a deputada Paloma Castro acusou a Xunta de manter “boa parte dos grupos supramunicipais inoperativos" durante a vaga de agosto. O alcalde doutro municipio afectado, A Mezquita (comarca de Viana), Rafael Pérez (BNG), explica que diante do “colapso” das oficinas do Goberno galego o Concello puxo en marcha “un servizo propio de asesoramento para que os afectados non teñan que desprazarse até A Gudiña (comarca de Viana)". Pérez critica, logo de asistir a todas as reunións convocadas pola Xunta, que “nin hai responsabilidades nin autocrítica”, cando a día de hoxe “están sen se revolver as rozas nas comunidades de montes”.