A veciñanza de Seixo acusa o Concello de conivencia co PP para recortar servizos no ambulatorio

Manifestación das usuarias do centro de saúde de Seixo. (Foto: Cedida)
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo (Marín) que atende á veciñanza de Ardán, O Campo, Seixo e Santomé, asegura que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, intentou "enganar á opinión pública" coas promesas de continuidade que fixo hai uns días en sede Parlamentar.

Apenas uns días despois de que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, garantise a "a continuidade asistencial" do ambulatorio, a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, en Marín, volve á loita na defensa do servizo sanitario de Ardán, O Campo, Santomé e Seixo. O colectivo, que acusa Xunta e Sergas de "intentar enganar á opinión pública" e ao Goberno municipal de permitir o empeoramento da atención sanitaria, manterá un encontro cos grupos que forman o goberno de coalición na Deputación de Pontevedra (PSOE e BNG).

O obxectivo da reunión fixada para esta sexta feira é "trasladarlles os recortes de persoal que a pesar da multitudinaria manifestación do pasado 9 de xullo e das declaracións do conselleiro de Sanidade xa se están a materializar desde o 15 de xullo". Fontes da entidade veciñal avanzaron a Nós Diario que non cren nas palabras da Xunta e que o PP pontevedrés tampouco respondeu á súa solicitude de xuntanza "urxente". Outra meta desta rolda de contactos é acadar os máximos "apoios" posíbeis para continuar as mobilizacións.

"O conselleiro quixo transmitir tranquilidade despois da manifestación masiva", lamentan, ao entender que as carencias asistenciais no Seixo -e mesmo no centro de saúde de Marín, pois aluden ao atraso das citas das crianzas porque "faltan pediatras"- son unha "situación buscada pola consellaría e consentida polo Concello, que prefire estar do lado do seu partido e non da veciñanza".

En relación á promesa de García Comesaña en sede parlamentar -onde acusou Paulo Ríos, deputado do BNG, de "alimentar polémicas artificiais"-, a plataforma subliña en declaracións a este diario que "unha cousa é manter o centro, non fechar as portas e outra que haxa quen atenda" as e os pacientes.

O responsábel do Sergas dicía na Cámara que ía procurar alternativas administrativas para que o cadro de persoal e, en consecuencia, a calidade asistencial da Atención Primaria na zona non se vira afectada. Porén, a veciñanza di que xa se constataron as eivas desde o 15 de xullo, cando marchou de vacacións o médico que se xubila o 15 de agosto, e a Administración pública non actuou.

"Varios miles de persoas" afectadas

O caso desta área de Marín non fai máis que pór de manifesto os recortes na Atención Primaria que denuncian galegas e galegos de distintas vilas. Esta quinta feira Monfero volveu á rúa e hai escasos días que Tomiño, Tui, A Guarda e O Rosal uniron forzas para amosar a súa realidade. A do Seixo é, actualmente, que o centro de saúde conta “cun médico, unha enfermeira, unha auxiliar a tempo parcial e unha celadora que tamén fai labores administrativas”.

O persoal estaba formado por dous médicos -un de vacacións antes de acollerse á xubilación-; dúas enfermeiras (unha cun “contrato temporal que remata en setembro”, que substitúe unha xubilación, e outra de vacacións); “a auxiliar a tempo completo que pasou a tempo partido compartida co centro de saúde de Marín” e a celadora.

O colectivo destaca que estes “recortes” chegaron malia que a infraestrutura é de referencia para “varios miles de persoas, máis no verán, e para os accidentes laborais das empresas de envergadura que hai na zona”. Só o facultativo que marchará ten “arredor dun milleiro de cartillas” asociadas.