Veciñanza das Somozas oponse á apertura dunha canteira cuxos estudos ambientais datan de 1996

Un camión da empresa mineira, nas pistas de acceso que levan aos terreos onde se situaría a canteira. (Foto: Nós Diario)
Unha empresa quere, 25 anos despois, iniciar a actividade mineira na parroquia de Recemel.

O 14 de febreiro de 1996, as autoridades da Xunta da Galiza competentes en materia ambiental —daquela a Comisión galega do Medio Ambiente— emitiu unha Declaración de Efectos Ambientais —hoxe Declaración de Impacto Ambiental (DIA)— favorábel para o proxecto de explotación da canteira de extracción de áridos As Viñas, nas Somozas, promovida pola empresa Cuíña SA. Porén, segundo constata a veciñanza da parroquia afectada, Recemel, nunca se chegou a iniciar a actividade extractiva por mor da forte oposición veciñal.

Agora, após máis de dúas décadas, a empresa Francisco Gómez y Cia —que adquiriu os dereitos de Cuíña SA tras a súa disolución— pretende retomar o proxecto sen contar con máis documentación que a referenciada naquela altura. "Tivemos constancia hai un par de meses porque vimos que comezaban a chegar camións, aí foi cando nos enteramos de todo", afirma a Nós Diario un dos veciños afectados, Adrián Martínez.

As persoas residentes exixen un novo estudo ambiental para autorizar a explotación, e nos últimos días están a defenderse cos escasos medios que teñen: intentando bloquear o paso aos vehículos nas pistas de acceso aos terreos.

Martínez salienta que a canteira se atopa "moi perto de casas, prados e leiras que son o medio de vida de moita xente", nunha parroquia, a de Recemel, que é a máis poboada do municipio após As Somozas. Tamén provocaría graves danos a nivel ambiental, sobre todo nos recursos hídricos que abastecen a poboación, alén das molestias "polo tránsito de camións, o po, ruídos, lama, voaduras...".

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) está a asesorar a veciñanza "para ver se cumpre a normativa ambiental", e o BNG e o PSOE locais xa se opuxeron publicamente.

Alegacións á DIA

No momento en que se presentou o proxecto, a asociación veciñal A Cañota presentara alegacións á totalidade do texto, mentres a agrupación socialista alertara, co apoio das persoas afectadas, da ausencia dun "estudo rigoroso das augas superficiais e subterráneas", así como da falta dunha valoración real das "consecuencias negativas" da utilización de explosivos.

Tamén alegaran que os camiños veciñais non eran aptos "para a tonelaxe que sairá diariamente da canteira", con "graves trastornos á circulación viaria veciñal". Desta cuestión volve alertar Martínez: "Prevese un gran movemento de camións por unhas pistas nas que apenas colle un vehículo lixeiro", explica, e insta o Concello a paralizalo, xa que o tránsito por estes accesos é "competencia súa".