Veciñanza da Privada Moderna exixe “urxencia” para que a Sareb non os expulse das súas vivendas

Néstor Rego e Xabier P. Igrexas coa veciñanza da Privada Moderna. (Foto: Nós Diario)
"Se somos felices nun Twingo, nin aínda que nos ofrecesen un Ferrari temos por que cambiar de vivenda”

Veciñas e veciños da rúa Privada Moderna, no barrio vigués do Calvario, exixiron esta sexta feira “urxencia” ao Goberno do Estado español para que free o intento de expulsión por parte da Sareb das seis familias que residen actualmente nesta urbanización.

A veciñanza pide, ademais, que a Sareb, titular dos inmóbeis, realice as obras de reparación necesarias para garantir a habitabilidade das vivendas, así como que se destinen os pisos restantes, tapiados polo chamado “banco malo”, a alugueiro social.

As 42 vivendas que forman parte da urbanización da Privada Moderna son activos da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria, filial da Sareb, sociedade na que participa de maneira maioritaria o Estado español.

A Sareb leva anos presionando as veciñas e veciñas que aínda residen na Privada Moderna co obxectivo de forzar a súa expulsión das vivendas. Un “acoso inmobiliario” que se manifeseta na negativa reiterada a acometer as obras de reforma necesarias nunhas edificacións case que centenarias e que presentan danos e deficiencias (danos nos tellados, humidades, filtracións...).

Silencio administrativo

“A nula resposta dos Gobernos galego e español ás preguntas que formulou o BNG na nosa representación mostra a falta de sensibilidade de ambas as Administracións co problema que supón a vivenda para unha parte da sociedade, deixando facer e desfacer á Sareb ao seu antollo”, afirma a Nós Diario Mariano Igrexas, un dos veciños afectados.

“Pola súa parte, o Concello de Vigo actúa de maneira similar. Durante 5 anos non cumpriu coa súa obrigación de exixirlle á Sareb que cumprise os expedientes no relativo ás cuestións mínimas de urxencia e seguridade”, engade Igrexas, en relación ao mandato xudicial de 20217 que obriga á Sareb a realizar as actuacións mínimas necesarias para garantir a habitabilidade das vivendas.

O Concello só nos ofreceu que aceptásemos o realoxamento para que así a Sareb puidese actuar ao seu antollo nesta urbanización, como fixo na urbanización da rúa Aragón”, explica Mariano Igrexas. E é que na viguesa rúa de Aragón a Sareb tamén se fixo cun inmóbel de 150 vivendas, que rehabilitou “con celeridade” e que, segundo Igrexas, “xa non figura no parque de vivenda social”.

“Nós permanecemos aquí de milagre, porque é o noso fogar, onde vivimos a nosa nenez, criamos os nosos fillos... e hai cuestións que non se negocian”, explica Igrexas. “Se somos felices nun Twingo, nin aínda que nos ofrecesen un Ferrari temos por que cambiar de vivenda”, sentencia.

O BNG reclama a fin do “acoso inmobiliario”

O portavoz do BNG en Vigo e candidato á Alcaldía da cidade, Xabier P. Igrexas, acompañado do deputado da formación nacionalista no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, visitaron esta sexta feira a urbanización da Privada Moderna para mostrarlle o seu apoio á veciñanza e dar conta das iniciativas levadas ás Institucións. O BNG mostrou a súa disposición a “exercer todas as accións necesarias, incluídas aquelas de alcance xurídico, para rematar con este acoso”.