Veciñanza da Coruña mobilízase en defensa da obra de Urbano Lugrís

Concentración na praza de María Pita da Coruña. (Foto: Nós Diario)
Os colectivos culturais O Mural e In Nave Civitas esixen a protección dos murais do artista coruñés.

Convocados polos colectivos culturais O Mural e In Nave Civitas, veciñas e veciños da cidade da Coruña concentráronse na mañá deste sábado na praza de María Pita para esixir a protección da obra de Urbano Lugrís, unha reclamación que levan efectuando desde o ano 2017. 

A veciñanza denuncia que os murais do artista atópanse fechados ao público e "en grave risco de deterioración", nun inmóbel "tamén en mal estado" da rúa Olmos da Coruña. Igualmente, piden á Xunta da Galiza que se axilicen os trámites para declarar como Ben de Interese Cultural os murais desprotexidos de Urbano Lugrís, unha figura que xa se conseguiu o mural da rúa Real. 

Durante a concentración que tivo lugar este sábado en María Pita, veciñas e veciños penduraron unha faixa reivindicativa na fachada do inmóbel que hospeda as obras de Lugrís afectadas pola desprotección.