Contracultura

Ana Badía: "Queremos que se interveña canto antes para evitar a destrución dos murais de Urbano Lugrís"

Ana Badía, avogada, forma parte da Asociación Cultural O Mural, que vén de solicitar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para un conxunto de murais que o pintor Urbano Lugrís realizou nun baixo situado na rúa Olmos da Coruña. Badía relata os motivos que levaron a dita solicitude así como os próximos pasos a seguir xa que, como ela di, “intentaremos loitar todo o posíbel para que os murais estean protexidos”.  
A avogada Ana Badía, cunha buguina (Foto: Nós Diario).
photo_camera A avogada Ana Badía, cunha buguina (Foto: Nós Diario).

Por que decidiron solicitar a declaración de BIC para os murais da rúa Olmos?

Polo mesmo motivo da outra vez que conseguimos a declaración de BIC do que estaba na rúa Real, é dicir, pola inactividade da administración. O noso principal obxectivo sempre é a protección do patrimonio. Neste caso, en xuño de 2021 presentamos un escrito advertindo ao Concello da Coruña que o edificio no que están situados eses murais se atopaba en moi mal estado, mais até o de agora non tivemos ningunha resposta. 

Este novembro tamén puidemos ver que se desprendera unha parte da fachada. Por isto, decidimos poñelo en coñecemento da Xunta da Galiza e, aproveitando, solicitar a declaración de BIC, como xa fixemos co mural da rúa Real. É o conxunto muralístico máis importante de Urbano Lugrís e entendemos que reúne todo os requisitos para que conte con este nivel de protección. Queremos que se interveña canto antes para evitar 
que se destrúa. 

Cal é o estado actual dos murais?

Cando comezamos co procedemento do que estaba na rúa Real, os técnicos tamén miraron os murais da rúa Olmos e xa naquel momento, arredor de 2017, dixeran que non estaban nun estado ideal. Os murais atópanse no interior dun local que foi o primeiro restaurante da Coruña con carta e no que Lugrís se reunía con diferentes persoas. Cando o local fechou, evidentemente pensamos que a situación ía ir a peor, porque a humidade é bastante importante e el pintaba con materiais bastante simples, co cal a conservación sempre é difícil. 

Ademais, os pisos superiores do edificio estaban coas ventás abertas, permitindo que entrase a chuvia e o vento. Con todo, é certo que nós non vimos os murais, polo que non sabemos o estado exacto no que se atopan, aínda que pensamos que deben quedar oito. É un conxunto muralístico único na Galiza e, precisamente pola historia do autor co lugar, o máis axeitado sería intentar mantelos onde se fixeron, porque ten todo o seu sentido.

Como dicía, o local está fechado e o único que sabemos foi o que nos contestou o Concello no pleno, que é que os propietarios aportaron fotografías dos murais dicindo que estaban ben. Evidentemente, esta é unha opinión que teñen os propietarios e, mentres os técnicos que saben do tema non o valoren, non se pode saber exactamente en que estado están. Segundo o Concello, tamén teñen prevista a entrada ao local o día 27.

Cales son os próximos pasos? 

A Xunta da Galiza ten un prazo de seis meses para iniciar o procedemento da declaración de BIC. No momento no que se inicie, os murais xa contarían coa protección propia dos BIC aínda que a declaración como tal requiriría de máis tempo. O problema é se pasados os seis meses non se inicia, porque ao mellor teríamos que estar na mesma situación que estivemos co mural da rúa Real, co que tivemos que acudir ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. 

Nese caso, finalmente, logramos a declaración de BIC e foi trasladado xusto en fronte do local no que están os murais que agora intentamos protexer, porque aí está a sede de Afundación e o mural é propiedade de familiares con vínculos con Abanca. De feito, trasladouse por pezas nunha intervención bastante peculiar, das únicas do mundo que se fixeron así, e está accesíbel para que a xente o poida ver. 

O noso obxectivo primordial é que se protexan estas obras e, desde logo, se algunha das administracións iniciase accións que demostrasen que teñen intención de protexelas, nós non acabaríamos acudindo aos tribunais. Non temos interese en ir directamente aos tribunais, mais intentaremos loitar todo o posíbel para que os murais estean protexidos.   

Comentarios