A veciñanza coruñesa tomou as rúas en defensa do porto

A manifestación rematou na praza María Pita da Coruña (Nós Diario).

Manifestación contra a privatización dos peiraos para a construcción de vivendas que propón a Xunta da Galiza.

Unha manifestación decorreu este domingo polas rúas da cidade da Coruña para mostrar o descontento contra os plans que a Xunta da Galiza ten para o porto da cidade.

Baixo o lema "A Coruña non se vende", a mobilización que reuniu a unhas 3.000 persoas, segundo algunhas fontes, partiu ás 12 horas da praza da Palloza para rematar en María Pita. Estes días máis de 60 entidades e organizacións da Coruña enviaron o seu apoio e algunhas estiveron presentes este domingo durante todo o percorrido.

Venda dos peiraos

O obxectivo desta marcha é amosar o rexeitamento social á venda dos peiraos para a construción de vivendas, como propuxo recentemente a Xunta da Galiza, a fin de mitigar a débeda do porto, que supera os 300 millóns de euros.

"O porto exterior fíxoo o Estado e ten que pagalo o Estado", advertiu o presidente da plataforma Defensa do Común, Manuel Monge. Sobre o futuro do porto, afirmou que existen alternativas ao plan proposto por Alberto Núñez Feixoo, comezando por que o Goberno estatal asuma a débeda.

Diferentes forzas políticas como o BNG e a Marea Atlántica participaron na manifestación. Desde o BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, asegurou ao  inicio da marcha que "non podemos permitir que esta cidade sexa discriminada, por que Valencia si, e A Coruña non?". Neste sentido lembrou que o Goberno español condonou unha débeda de 300 millóns de euros do porto da Valencia "e aquí se pretende que unha obra do Estado sexa pagada polos coruñeses e polas coruñesas". 

"Non é preciso privatizar, estes espazos poden ser usados pola cidadanía", afirmou María García, líder da Marea coruñesa, quen tamén demandou á alcaldesa "falar con claridade" para expresar "o rexeitamento á venda e privatización dos terreos".

Pola súa banda, a rexedora, Inés Rey, amosou a súa intención de "sentar a todas as administracións implicadas" para abordar o futuro do porto. "Estase a traballar nas solucións financeiras para a débeda, así como na licitación do tren a Langosteira", defendeu a socialista.