sábado 16/10/21

Apuntes sobre a reformulación portuaria da Coruña

Unha época non se pecha ordenadamente ao empezar a seguinte. Cada época arrastra consigo unha reminiscencia do pasado, cecais unha idea, un conxunto de valores ou mesmo restos e fragmentos dun sistema económico e político xa superado. E canto máis longa foi a etapa anterior, máis vacilante é o inicio. Definir unha cidade auténtica é definir o que será público, perfectamente preconcebido e non residual.

A clásica relación público-privado, exemplificada na reformulación da fachada marítima coruñesa, onde os grupos hexemónicos coruñeses están procedendo a perfilar un novo límite urbano, unha nova relación entre a cidade e o mar, un novo límite que implica a supremacía do privado sobre unha parte da franxa marítima que a burguesía coruñesa previa á ditadura sempre considerou pública, pode mudar por primeira vez dende 1850. Non é necesario deternos a examinar o curso do proceso do convenio asinado en 2004 por Fomento e o Concello da Coruña excepto para sinalar que o obxetivo prioritario de aquel documento era obter os ingresos suficientes para abordar a obra do porto exterior de Punta Langosteira.

Esta nova ordenación ten profundas implicacións para o patrimonio público da cidade, porque a única solución que plantexan Xunta, Portos do Estado e Autoridade Portuaria tras o protocolo asinado, é retomar precisamente o convenio do 2004 vendendo unha parte dos terreos desafectados para pagar a débeda de Punta Langosteira. Seguen nas súa trece coa letanía privatizadora de sempre, aínda que emitida nunha soa dirección: os goteos dos pagos condicionan a propia viabilidade financieira da Autoridade Portuaria, polo que resulta inevitábel facer caixa a conta dos activos públicos. O inefable presidente do ente portuario estatal, José Llorca, asegurou que os portos non están para facer cidade. Discurso típico dun depredador que pretende sacar rédito do público. As cidades teñen unha historia e aínda que nun principio o fenómeno urbano que coñecemos en Europa occidental, resultado da loita contra o feudalismo, foi un fenómeno ligado ao crecemento da burguesía, a cidade moderna dos séculos XIX e XX debe moito á esquerda política e social.

O inefable presidente do ente portuario estatal, José Llorca, asegurou que os portos non están para facer cidade. Discurso típico dun depredador que pretende sacar rédito do público

 

O salto cualitativo da venda de terreos portuarios baixo o dogal do porto exterior esquece que os sucesivos procesos de expansión urbana da Coruña sempre respectaron o carácter público do terreo na súa liña costeira, tanto na Cidade Vella, como na Pescadería e no Ensanche. Así, cando a mediados do século XIX abordouse a posibilidade de que os novos terreos gañados ao mar -actualmente Os Cantóns e o xardíns de Méndez Núñez- foran ocupados por edificacións, a cidade mantívose firme e baixo a influenza decisiva do enxeñeiro Celedonio de Uribe, foron reservados para zonas verdes e edificios públicos en réxime de concesión. Evidentemente, era unha burguesía que tamén especulaba, pero sempre mantivo unha relación respectuosa e culta entre a urbe e a natureza.

Dende a Comisión Aberta en Defensa do Común, entidade cívica xurdida fai tres anos para reclamar a devolución gratuita de todos os espazos emblemáticos obxeto de poxas ou vendas directas, queremos continuar coa batalla contra a economía de lucro na cidade. Contra os mecanismos capitalistas que actúan no solo, na vivenda ou na localización industrial, que se benefician das economías de aglomeración pero que non soportan os custes sociais. Fronte ao modelo cuantitativo, privado e ríxido do urbanismo capitalista, nós pretendemos un urbanismo cualitativo, comunitario e programático. Un movemento cidadán ben preparado pode desenvolver un papel sumamente importante para impedir que o poder efectivo siga nas mans dos grupos hexemónicos, certas corporacións profesionais e os seus altavoces mediáticos. Os proxectos de cambio do modelo urbano que se pretende deben profundizarse a través da conciencia e loita crecente da cidadanía.

Fronte ao modelo cuantitativo, privado e ríxido do urbanismo capitalista, nós pretendemos un urbanismo cualitativo, comunitario e programático

 

Deliberadamente deixo para o final a necesidade de apelar á conciencia de todos os axentes sociais e da clase política para que A Coruña non desperdicie unha oportunidade inmellorábel da súa historia. Evidentemente é o PP o que se manifesta máis abertamente favorábel á venda de patrimonio público. A propia Beatriz Mato, citada en todas as enquisas como candidata á alcaldía da Coruña, votou a favor da venda da Solana e do hotel Finisterre nun consello de administración da Autoridade Portuaria. Nada novo baixo o sol. A Marea Atlántica plantexa o problema como si estivera convencida da inevitabilidade da venda de espazos portuarios. O seu duplo xogo de oposición aberta, por un lado, e de búsqueda de pactos e consensos para evitar o seu aillamento no entramado institucional, por outro, parece que vai a persistir. Iso implica o abandono da movilización, limitando a súa intervención case que en exclusiva ao grupo municipal, circunstancia que provoca o descontento nalgún sector dos seus votantes.

A Marea Atlántica plantexa o problema como se estivera convencida da inevitabilidade da venda de espazos portuarios

 

O PSOE, tras os gobernos monopolizados por Francisco Vázquez, onde a voracidade do neoliberalismo levou a readaptar os espazos historicamente constituidos ás novas funcións impostas polos grupos dominantes da Coruña, destruíndo mesmo as formas espaciais e os medios sociais existentes, alberga diversas tendencias. Por un lado, os respetuosos co legado de Vázquez, onde os grupos dominantes conservarían no esencial o seu poder e privilexios, e, por outro, sectores para os cales o termo "socialismo" conserva o seu sentido clásico a modo de igualdade e solidaridade. As diferenzas entre os partidarios da anterior secretaria xeral, Mar Barcón, concellal con Vázquez, e a súa sustituta, Eva Martínez Acón, parecen reproducir en toda a súa crudeza esas dúas tendencias na antesala da elección da candidata ou candidato á alcaldía..

Extremando a nota, cabe dicir que só o BNG articula, hoxe por hoxe, as principais posicións respecto á defensa do público mantendo unha posición que cuestiona a perda de espazos públicos asumindo boa parte das reivindicacións que as loitas cidadáns desvelaron e puxeron en primeiro plano. Os textos de moción presentados en diversas sesións plenarias así o confirman.  

Este é, con trazos rápidos, a situación na que se vai a redeseñar o futuro do cinturón de litoral coruñés. Unha boa oportunidade tamén para pensar e practicar que o novo modelo de cidade o temos que definir entre todos, e que cada cidadán ten idéntico dereito a defender o seu patrimonio histórico e cultural. Posiblemente, de facelo, empecemos a construír unha urbe habitábel por todas e todos, no que o patrimonio público sexa innegociábel, aínda que lles resulte insoportábel aos eternos depredadores do público. Pero aí hai que escoller entre que lles resulte insoportábel a uns poucos ou a gran maioría.  
 

comentarios