Veciñanza de Corrubedo, en Ribeira, mobilízase en defensa da sanidade pública

Veciñanza de Corrubedo mobilizouse na mañá desta quinta feira (Foto: Nós Diario).
Foi a propia veciñanza da parroquia de Corrubedo a encargada de convocar esta concentración en que, entre outras cuestións, exixía que se cubrise a única praza de médico que teñen na parroquia.

Veciñanza de Corrubedo (parroquia do concello de Ribeira) mobilizouse no día de onte en protesta pola falta de profesionais médicos que veñen sufrindo os centros de saúde deste concello pertencente á comarca do Barbanza. 

Foi a propia veciñanza da parroquia de Corrubedo a encargada de convocar esta concentración en que, entre outras cuestións, exixía que se cubrise a única praza de médico que teñen na parroquia.

Esta concentración foi apoiada por organizacións como a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza ou a Confederación Intersindical Galega (CIG) a través de persoas como Xan García (responsábel comarcal do sindicato) e nela tamén estivo presenta a deputada do BNG no Parlamwento Galego, Rosana Pérez así como presentes membros da corporación municipal ribeirense como Cruz Rivadulla Márquez (BNG) que manifestou que "a falta de profesionais médicos e recursos que padecen os centros de saúde de Ribeira non son froito da casualidade senón que se derivan dunha década de recortes aplicados na Sanidade pública". Para alén do BNG, na concentración de onte tamén houbo representación doutras organizacións políticas como Suma Ribeira ou o PSdeG.

"Prazas sen cubrir"

A portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza, Marián Rodríguez atendeu Nós Diario para tratar esta problemática.

Rodríguez salientou que "en Corrubedo hai un consultorio onde tan só hai un médico e cando está de baixa a súa praza queda sen cubrir. De vez en cando, vén alguén do centro grande, que é o de Ribeira, unhas horas, pero nin sequera vén todos os días e cando van so é por media xornada".

En canto á importancia da mobilización social, Rodríguez indica que "en Palmeira [outra parroquia de Ribeira] levaban moitos meses sen médico por unha baixa prolongada e grazas á mobilización social da veciñanza conseguiron que se cubrise esa praza". 

"Temos que mobilizarnos"

"É o que nos queda en sitios pequenos. Temos que mobilizarnos porque está claro que é a maneira de resolver as eivas da sanidade pública. Hai un problema crónico de falta de médicos de familia e se non protestamos, os nosos centros de saúde acabarán por desaparecer", manifestou Rodríguez ao tempo que sentenciou que "non pode haber unha falta de cobertura, de ausencias de longa duración que non se cubran, non o podemos permitir".