Veciñanza de Conxo e ecoloxistas enfróntanse ás escavadoras que ameazan o bosque do Banquete
Concentráronse nunha zona deforestada, na ribeira do Sar, para frear a actuación das máquinas nunha zona declarada patrimonio mundial pola Unesco.
Veciñas e veciños do barrio compostelán de Conxo máis activistas de Ecoloxistas en Acción, concentráronse na contorna do bosque do Banquete para tratar de frear os estragos que está a causar na contorna a maquinaria pesada que opera na zona. Ecoloxistas en Acción denunciou o ano pasado o Goberno galego pola corta de árbores, movementos de terras e a apertura, non autorizada, dun vieiro dentro da área de Protección de Patrimonio da Humanidade do Convento de Conxo.
Esta denuncia motivou que tanto o xulgado nº 2 de Santiago de Compostela como a Fiscalía anticorrupción europea abriran a finais de 2024 dilixencias penais pola actuación da Xunta da Galiza nas obras do denominado Eixo de Mobilidade Sostíbel, no treito entre o Milladoiro e Compostela, a seu paso por Conxo.
Malia o proceso xudicial a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta ordenou retomar as obras. A semana pasada operarios e escavadoras comezaron a desbastar o bosque de ribeira, ao carón do río Sar, no Banquete de Conxo, unha intervención que a veciñanza volveu rexeitar sobre o terreo.
Coa esta nova acción de protesta, este 29 de abril, Ecoloxistas en Acción e a Asociación veciñal Conxo Aberto queren alertar do dano irreparábel que está sufrindo o bosque do Banquete de Conxo para que os instrutores do proceso penal decreten a paralización cautelar das obras, tal como solicitaron nas denuncias, e así "evitar danos máis danos no ecosistema do río Sar".
Ecoloxistas en Acción lembra que esta actuación da Xunta invade a área delimitada na que está realizándose o proxecto Eco-Bosque Rio Sar promovido polo Concello de Santiago de Compostela co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. O proxecto está financiado tamén dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de la Unión Europea e promove a recuperación ambiental do ecosistema fluvial do Bosque do Banquete de Conxo, rexenerando as ribeiras do río, eliminando especies invasoras e restaurando espazos que aumenten a biodiversidade da zona.
Características e evolución do proxecto
Desde Ecoloxistas en Acción trasladaron tanto á Xustiza española como á fiscalía europea que a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta "incumpre os principios de boa xestión financeira" que deben rexer o destino dos fondos europeos, ao "sepultar" coa súa actuación un proxecto posto en marcha con anterioridade.
Desde a entidade ecoloxista lembran que no ano 1985 incorpórase a Conxo na lista do Patrimonio Mundial da Unesco. Nesta declaración delimítase e inclúese especificamente a totalidade do recinto do Convento de Conxo e o Bosque do Banquete co seu contorno fluvial. Neste contexto, destaca, "a apertura dunha nova senda coa conseguinte corta de arboredo e movementos de terra que leva asociados están afectando xa ao predio do antigo mosteiro".
Porén, advirten Ecoloxistas, o informe da Dirección xeral de Patrimonio Cultural da Galiza incorporado ao Proxecto Eixo de Mobilidade Sostíbel en Santiago de Compostela Treito: Milladoiro-Estación Intermodal prohibe expresamente a apertura de novas sendas e o movemento de terras dado que considera este espazo como dunha gran calidade ambiental, que debe evitar alterarse.
Ecoloxistas en Acción tamén trasladou á fiscalía europea e ao xulgado de Compostela que o acto administrativo de ordenar o inicio das obras a sabendas que se aparta do esixido por Patrimonio podería ser constitutivo dun delito de prevaricación administrativa. Ademais de comportar a perpetración dun delito contra o patrimonio histórico artístico, cultural e monumental, especificamente contra o patrimonio da humanidade.
Desde a asociación veciñal Conxo destacan que o Plan Especial para a preservación do Patrimonio da Humanidade recolle que o conxunto do Mosteiro de Conxo está declarado como BIC pola súa excepcional calidade arquitectónica e tanto polo seu gran valor histórico como natural.
Por xunto, ambas entidades rexeitan as obras en execución. "Pedimos a paralización inmediata do proxecto Eixo de Mobilidade Sostíbel no treito de Milladoiro a Compostela por ser unha urbanización dura dun espazo de alto valor natural, xa que ten previsto botar formigón, levantar entulleiras, asfaltar e iluminar na ribeira do río Sar en Conxo", sinalou Luciano Villar, voceiro de Conxo Aberto.