Veciñanza de Carril denuncia una parella que se desprazou desde Madrid até a súa residencia arousá

Carril (reservasdecoches. Licencia CC BY-SA 2.0)

Preocupación polos desprazamentos rompendo a corentena cara zonas como Rías Baixas ou A Mariña.

Unha parella domiciliada en Madrid percorreu en plena corentena os 600 quilómetros que hai entre a capital do Estado e Carril, na Ría de Arousa, para instalarse nestes días de Semana Santa na súa segunda residencia. A propia veciñanza desta vila, pertencente ao concello de Vilagarcía de Arousa, foi quen advertiu ás autoridades desa situación. Una das que se debateu na comisión local creada a raíz do coronavirus.

Porén, e nunha versión posterior,informouse que estas persoas tiñan os permisos necesarios para realizar a viaxe pois ían despedir unha familiar cercana que estaba hospitalizada. 

Nestes días houbo outras denuncias no Salnés. Noutras localidades coma no Grove tamén se presentaron denuncias pola presenza de visitantes que chegaban ás súas segundas residencias nestavila costeira.

“Non intenten vir porque non van poder entrar” afirmaba o alcalde do Grove, José Cacabelos (PSOE), en declaracións a Nós Diario hai un días a modo de advertencia e mensaxe para evitar a chegada de persoas de fóra que teñen no concello unha segunda vivenda e que están pensando trasladarse a ela con motivo da Semana Santa. 

Concellos da costa galega recibiron estes días avisos veciñais alertando de que inmóbeis vacacionais están a ser preparados polos seus coidadores para recibir os donos, razón pola que algúns Gobernos municipais xa demandaron ás forzas policiais aumentar os controis de acceso.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida (BNG), pedía a finais da semana pasada a través de Nós Diario que se reforcen os controis tanto nos accesos de entrada como nos de saída.

Ermida sinalaba ademais que en localidades como Barreiros, "onde non temos policía local, a capacidade de impedir a chegada destas persoas non pode recaer nos municipios, polo que blindar Galiza é moi necesario”.