Veciñanza de Bueu sae a rúa para reclamar un servizo público de pediatría

Concentración deste domingo en Bueu pola Sanidade Pública. (Foto: Nós Diario)
Arredor de 600 persoas concentráronse esta mañá no Centro Social do Mar de Bueu en defensa da Sanidade Pública

Bueu acolleu na mañá deste domingo unha mobilización en defensa da Sanidade Pública. A pesar da chuvia, perto de 600 persoas concentráronse no Centro Social do Mar de Bueu (comarca do Morrazo) nunha protesta autoorganizada polos veciños e veciñas da vila ante a falta de persoal médico de pediatría no Centro de Saúde de Bueu desde o 22 de febreiro.

A través das redes sociais, a veciñanza acordou esta mobilización que contou cun grande apoio social, tanto nos días previos como durante o seu transcurso. Así, no acto participaron familias, incluíndo as crianzas, mais tamén diversos representantes de todas as formacións políticas con representación no Consistorio de Bueu -BNG, PP, PSdeG e Asemblea Cidadá Bueu (ACB)-.

Durante 45 minutos, veciñanza de Bueu permaneceu concentrada na loita contra as políticas de desmantelamento da Sanidade Pública da Xunta da Galiza. Pancartas cos lemas “Non hai pediatras en Bueu”, “SOS a Atención Primaria está morrendo” ou “Bueu quere unha Sanidade Pública de calidade” protagonizaron a concentración.

Entre as irregularidades que denuncian, as persoas que se manifestaron esta mañá critican que o centro de saúde leva xa unha semana sen contar con persoal pediátrico, xa que as únicas dúas pediatras que traballan na vila están de baixa e o Sergas non cubriu as súas prazas.

Falta xeneralizada de pediatras

O concello de Bueu non é a única localidade galega que está a experimentar a ausencia de pediatras, senón que a veciñanza de diversos municipios protestou tamén ante esta situación. Este é o caso de Verín. Neste concello, o pasado 11 de febreiro desenvolveuse unha multitudinaria manifestación baixo o lema “Verín non se fecha, Verín non esquece”.

Outro exemplo é o caso de Soutomaior (comarca de Vigo), onde a veciñanza e o BNG levan meses denunciando a falta de profesionais sanitarios de pediatría debido a que a Xunta se nega a cubrir as baixas ou aumentar o cadro de persoal.

Como así o recolleu Nós Diario, un total de 194 concellos galegos non contaban con pediatras en 2021, segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Ademais, noutros 43 concellos, este servizo foi exercido por persoal médico sen titulación nin formación axeitada. Así, máis de 7.600 crianzas non tiveron nese ano un médico ou médica de referencia asignada.