A veciñanza de Alfoz e O Valadouro constitúe unha plataforma contra o espolio das eléctricas

Vista da serra do Xistral
A plataforma busca informar sobre as consecuencias do proxecto da empresa Atalaya Generación de levantar unha mega central de bombeo na comarca, nomeadamente para os concellos de O Valadouro e Alfoz, e defendelos do espolio ao que pretenden sometelos.

A veciñanza dos concellos afectados pola mega central hidroeléctrica do Xistral veñen de constituír unha plataforma cidadá co obextivo de informar sobre as consecuencias do proxecto da empresa Atalaya Generación para a comarca e, nomeadamente, para os concellos de O Valadouro e Alfoz, e defendelos do espolio ao que se pretenden someter.

Segundo explican nun comunicado desde a Plataforma de veciños afectados pola macro central hidroeléctrica do Xistral, constituída oficialmente en Alfoz o pasado día 11 de febreiro como un movemento "apartidista, pluralista, inclusivo, equitativo e respectuoso coas opinións dos que forman parte da mesma", esta nace para tratar, organizar e propoñer todo tipo de actos informativos e reivindicativos relacionados co anteproxecto da central hidroeléctrica reversíbel na serra do Xistral.

"Consideramos que é unha irresponsabilidade ignorar as enormes consecuencias negativas que este proxecto pode provocar sobre o noso territorio, as poboacións, a despoboación, a paisaxe, a biodiversidade, o patrimonio público, os recursos e sobre os ecosistemas dos que dependemos", alertan desde a entidade, que defende que  “a terra non é unha herdanza dos nosos pais, senón un préstamo dos nosos fillos”.

Neste senso, insisten en que a finalidade desta plataforma ─cuxa activdade se pode seguir a través das redes sociais─ é a de informar á cidadanía da magnitude deste anteproxecto e as súas consecuencias reais desde o punto de vista paisaxístico, patrimonial, medioambiental, económico, social, etnolóxico e cultural, así como axudar ás persoas afectadas na defensa dos seus dereitos.

A hidroeléctrica do Xistral

O proxecto da empresa Atalaya Generación, con sede en Zaragoza, consiste en levantar unha central hidroeléctrica reversíbel cunha potencia total de 936 megawatts na comarca da Mariña.

O portal do Ministerio de Transición Ecolóxica xa recolle no trámite de exposición pública o proxecto presentado pola sociedade Desarrollos Generación, unha filial de Atalaya Generación.

A central, denominada Xistral, afecta directamente os concellos de Alfoz, Cervo, Ourol, O Valadouro e Xove e a un espazo natural incluído na rede natura galega que, curiosamente, é o que conta con máis instalacións para a produción eléctrica.  

O plan da empresa prevé dous encoros. O máis elevado deles localizaríase en Vilacampa, un núcleo situado en plena serra do Xistral e cunha extensión de 73,2 hectáreas. A balsa inferior situaríase na Granda de Bao da parroquia de Recaré, moi perto da capitalidade da comarca, Ferreira do Valadouro, e contaría cunha extensión de 49,9 hectáreas. Un e outro aparecen unidos por tubarias e túneles de aproximadamente dez metros de diámetro, destacando pola súa proximidade ás vivendas.

A propia promotora recoñece o alto impacto ambiental do proxecto. Así, na súa memoria sinálase que a central hidráulica "atópase dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, das Zonas de Especial Conservación (ZEC) Serra do Xistral e Río Ouro, das Zonas Protexidas de Augas Potábeis Poligonais Ortegal-A Mariña e Ribadeo-Valadouro, e sobre a Reserva Natural Fluvial do Río Cobo".