Veciñanza, alcaldes e propietarios de terreos das Fragas do Eume maniféstanse por un plan de xestión "consensuado"

Manifestación polo futuro das Fragas do Eume. (Foto: Nós Diario)
"A Xunta presentou un plan sen consenso nin diálogo, sen dar resposta a moitas das alegacións e sen ofrecer compensacións xustas polas limitacións que supón para os usos das terras", denuncian.

Veciñanza e persoas propietarias de terreos dentro do parque natural das Fragas do Eume manifestáronse esta quinta feira para demandar á Xunta da Galiza a elaboración dun plan de xestión para este espazo protexido que sexa "consensuado e xusto".

Na manifestación tamén participaron alcaldes de municipios afectados como o das Pontes, Valentín González Formoso; o de Pontedeume, Bernardo Fernández; o de Cabanas, Carlos Ladra; o da Capela, Manuel Meizoso; e o tenente de alcalde de Monfero, Alberto Cortizas.

Os rexedores socialistas, explican nun comunicado, apoian as reivindicacións de veciñanza e propietarios dos terreos afectados polo Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) das Fragas do Eume, que o Goberno galego presentou "sen consenso nin diálogo, sen dar resposta a moitas das alegacións e sen ofrecer compensacións xustas polas limitacións que supón para os usos das terras".

As persoas propietarias demandan a retirada cuatelar do PRUX e convocaban a manifestación para exixir ao Executivo que o Plan conte "con consenso" e "contemple compensacións apropiadas" para os donos das terras, xa que consideran "insuficientes" as previstas actualmente.

O "peor parque natural" da Europa atlántica

Tamén desde o movemento ecoloxista dirixiron fortes críticas a este plan de xestión nas últimas datas. A Federación Ecoloxista Galega alertaba en xaneiro de que o texto proposto pola Administración "só protexe 3,34% da superficie do parque e non estabelece nin actuacións nin normas que permitan a recuperación das zonas máis degradadas".

Un mes antes, unha ducia de entidades lamentaban o "desleixo" da Xunta: "Cinco anos sen unha soa xuntanza, e polo medio, incendios, verteduras de Endesa, varios parques eólicos na contorna (autorizados pola Xunta), e unha continua expansión do eucalipto. Velaí outra clara proba do desleixo da Xunta pola conservación deste espazo senlleiro".

a eucaliptización, os aproveitamentos hidroeléctricos, os incendios ou os parques eólicos "foron degradando de vez este espazo perante a pasividade da Xunta", sinalaban, até o punto de que agora mesmo "as Fragas do Eume poden considerarse o parque natural peor conservado de toda a Europa atlántica".