Veciñanza afectada por proxectos eólicos pide a "inaplicación" dun Plan Sectorial "obsoleto e desfasado"

Imaxe de arquivo dun arque eólico na Galiza (Imaxe: Observatorio Eólico da Galiza).
“Muíños xigantes que cada vez teñen máis diámetro de rotor e que se colocan a 200 metros de casas illadas e a 500 de núcleos habitados sen que se teña en conta os impactos visuais e acústicos para as familias afectadas”.

Veciñanza afectada polo Plan sectorial eólico galego piden á Xunta a inaplicación dun regulamento “desfasado, obsoleto e que non integra a actual normativa ambiental e paisaxística vixente”.

Así o manifestan varias asociación e colectivos a través dun comunicado, no que critican “Muíños xigantes que cada vez teñen máis diámetro de rotor e que se colocan a 200 metros de casas illadas e a 500 de núcleos habitados sen que se teña en conta os impactos visuais e acústicos para as familias afectadas”.

“Roubánnos a nosa Paisaxe”, denuncian, afectadas polo proxecto éolico O Cerqueiral en Coristanco. O Plan Sectorial eólico aprobado no ano 1997, acrecentan, non incorpora a normativa derivada do Convenio Europeo das Paisaxes, que indica que a Administración ten que plasmar nos Obxectivos de Calidade Paisaxística dos proxectos as aspiracións da cidadanía.

“A Xunta debe aplicar a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental e demais lexislación ambiental en primeiro lugar, e en detrimento do regulamento do Plan Sectorial eólico da galiza. A primeira esixe que todos os plans, entre os que está o Plan Sectorial eólico, deben contar con unha avaliación de impacto ambiental, documento que non integra porque está desfasado, ao aprobarse no ano 1997”.

Por outra banda a Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galiza “consolida a prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística e a precaución respecto ás posíbeis intervencións que poidan afectar negativamente o patrimonio natural ou á biodiversidade”.

No comunicado acgéganse varios exemplos destas situación, como o proxecto eólico do Cerqueiral de Greenalia, o de de Banzas de Green Capital Power, o de Coto das Airas de Coto das Airas S.L ou o de Maragouto, de Green Capital Power e o das Salgueiras, de Norvento, S.L