Unha veciña de Viveiro relata o "calvario" que vive desde 2023: incontinencia, dores por todo o corpo e sen cita médica até 2026

Marifé Pajón. (Foto: Cedida)
Marifé Pajón padece secuelas "graves" desde que sufriu un accidente de tráfico en 2023. A sanidade pública non lle dá cita até abril de 2026 para valorar unhas doenzas que lle impiden desenvolver a súa vida. 

Un accidente de tráfico no ano 2023 deixoulle graves secuelas que lle impiden desenvolver unha vida normal. Dores físicas en numerosas partes do corpo, incontinencia urinaria e fecal, hernias... e sen cita médica para buscar unha solución até abril de 2026. Marifé Pajón, veciña de Viveiro (A Mariña) de 57 anos, relata a Nós Diario o "calvario" que vive e que por mor das listas de agarda na sanidade pública non ve solución a curto prazo.

"Un señor de 80 anos levoume por diante no coche. Inicialmente leváronme en ambulancia ao hospital. Tiña síntomas pero dixéronme que non era importante e mandáronme para a casa. Despois apareceron os problemas", lembra Pajón. "Teño incontinencia urinaria e fecal, as cervicais mal, rompín o tendón dereito; teño os dous brazos e unha man. Saiume unha hernia inguinal por levar o cinto posto", enumera uns síntomas que padece desde 2023, cando se produciu o accidente.

Pajón está á espera de saber se se ten que operar ou non, e á espera de coñecer cal é a "gravidade" da súa situación. Logo de facer probas no Hospital da Mariña, en Burela, e no Hospital Lucus Augusti, en Lugo, a diagnose poderaa coñecer en abril de 2026, para cando o Servizo Galego de Saúde (Sergas) lle deu cita, case tres anos despois do accidente de tráfico que lle truncou a vida.

A consecuencia de estar tanto tempo de baixa, na empresa na que estaba traballando como comercial despedírona. "Agora estou atravesando unha depresión. E así sigo con todo, e cada vez con algo máis", lamenta.

Marifé Pajón pide que a atendan na sanidade pública para intentar buscar unha solución ao seu problema. Conta que, como en Atención ao Paciente non a puideron axudar, chamou directamente á Dirección do centro hospitalario, conseguindo unha cita en Tramatoloxía "á semana". Mais iso foi unha vez, "agora xa nada, xa nin me collen o teléfono". "Non pode ser que para conseguir que me atendan no médico teña que estar chamando a Dirección". 

A historia de Pajón é unha máis das que integran as crecentes listas de agarda do Sergas, unha situación que se agrava especialmente no verán ao non cubrir Sanidade as baixas, vacacións e outras ausencias do persoal facultativo. "Non é xusto, eu o que quero é verme ben, encontrarme ben", reclama Marifé Pajón.