Ve-la Luz acusa a V-Televisión de "censura" após participar nun debate que foi eliminado da web desta canle

Un momento da entrevista con Ve-la Luz [SG]

Do informativo emitido o día 30 de abril desapareceu da rede a primeira parte, na que interveñen tres mulleres desta asociación contra a violencia machista para denunciar que o informe da secretaría xeral de Igualdade "oculta a desprotección e está cheo de palla". Na cadea recoñecen que houbo "unha chamada" e negan presións da Xunta


'Not found'. É a mensaxe que aparece ao premer na ligazón da primeira parte do programa informativo que a canle privada V-Televisión emitiu o 30 de abril e en que mulleres da asociación Ve-la Luz, nunha entrevista de 40 minutos de duración, arremeteron con dureza contra o informe de 2012 da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, un documento de 208 páxinas que está "cheo de palla" e que silencia "a desprotección". 

Do informativo, dividido en tres partes, só foi eliminada da web a primeira, onde participan a presidenta de Ve-la Luz, Gloria Vázquez, e outras dúas integrantes do colectivo para dar conta da realidade da atención que a Xunta brinda a día de hoxe ás mulleres en situación de violencia machista: ningunha, recortando até no salario da liberdade. 

"O 63% das denuncias por malos tratos que chegan aos xulgados son sobreseídas para evitar responsabilidades se despois a muller aparece morta", responsabilidades que se exixirían se a demanda fose arquivada. 

Ve-la Luz acusa directamente á Xunta de dar a orde para eliminar o programa

"Fomos alí falar claro" e a resposta de V-Televisión, que xa adiara a entrevista un día porque cadraba coa emisión dun partido de fútbol, foi eliminar o video, após penduralo na rede. "Explicáronnos que recibiran unha chamada", apunta Gloria Vázquez. Da Xunta? "Iso foi o que lles preguntei eu directamente, mais dixeron 'noooon' e só querían saber como nos enteraramos tan rápido de que o video fora eliminado", acrecenta, explicando que o souberon "ás oito da mañá", tamén por unha chamada telefónica. Porén, ela segue a insistir en que a orde de "censurar, porque iso é censura" o documento audiovisual, dada o 1 de maio, "veu de alguén de arriba". 

Volve nomear a Susana López Abella para preguntarse por que o seu informe é moito máis groso que o que se presenta a nivel estatal pola mesma causa. "Non di nada. Meteu páxinas para que non o lea ninguén" polo que tanto ela como as compañeiras que a acompañaron ao plató da canle de televisión vinculada a La Voz de Galicia "presentamos casos escandalosos como o dun pai que matou o seu fillo e non foi condenado por violencia machista, só por asasinato; ou o dunha nai que hai catro anos que non sabe nada das súas fillas" e denunciaron "o corporativismo que importa máis que as mulleres". 

Desde que saíron no programa, a Ve-la Luz non paran de chamar outras mulleres. "Oito só de Compostela, e tamén de Noia e doutros lugares", di Gloria Vázquez, quen conclúe acusando a televisión privada de "tirar polo chan non só a nosa voz senón a de todas as vítimas".