Dios Ke te Crew, Son da Rúa, Tosar ou Carlos Santiago: voces galegas do mundo da cultura contra o encarceramento de Pablo Hasel

Dios ke te crew

Asinan o manifesto a nivel de Estado de escritores, músicos ou cineastas en defensa da liberdade de expresión. Serrat, Almodóvar, Fermin Muguruza , Ane Tijoux, Willy Toledo ou Bardem, entre os mía sde 230 asinantes

Máis de 200 nomes do mundo da cultura de todo o Estado español veñen de impulsar un manifesto contra o encarceramento do cantante de rap Pablo Hasel, 'Sen liberdade de expresión non hai democracia'.  Joan Manuel Serrat, Pedro Almodóvar, Javier Bardem, e Aitana Sánchez Gijón son algúns dos nom4es máis coñecidos a nivel popular que asinan ese manifestó, no que taméne stán Willy Toledo, Fermin Muguruza, Ane Tijoux, KOP ou Isaki Lacuesta, entre otros moitos nomes.

Un manifestó no que hai sinaturas galegas, como a de Julián Hernández (Siniestro Total) ou os grupos de rap Son da Rua e Dios Ke Te Crew, pasando polo actor e dramaturgo Carlos Santiago, que sabe ben o que é ter que defender a liberdade de expresión. Desordes Creativas e Luis Tosar tamén asinaron o texto.

"Somos conscientes de que se deixamos que Pablo vaia preso, mañá poden ir por calquera de nós, para silenciar calquera discrepante"

O texto lamenta que a "persecución" de artistas, tuiteiros, xornalistas ou outros representantes da cultura e da arte "por tentar exercer o seu dereito á liberdade de expresión" estea a se converter “nunha constante". Tamén subliñan que o Estado español "encabeza a lista de países que máis reprimen polo contido de cancións". Emma Suárez, Victòria Pagés, e Paco León tamén asinan a carta.

O manifesto lamenta que, co encarceramento de Hasel, España "estea equiparada a países como Turquía ou Marrocos", que tamén teñen "varios artistas presos para denunciar os abusos cometidos polo Estado".

“É necesario que esta situación se dea a coñecer a nivel internacional, para resaltar en que situación estamos", afirma a carta. "Somos conscientes de que se deixamos que Pablo vaia preso, mañá poden ir por calquera de nós, para silenciar calquera discrepante".

Por iso os máis de 200 asinantes do manifesto mostran o seu apoio e solidariedade con Hasel e esixen a súa liberación, así como a expulsión do Código Penal deste tipo de delitos que non fan máis que “roubar o dereito, non só da liberdade de expresión, senón da liberdade ideolóxica e artística ” .