Avogados Cristiáns denunciara o pregón do Entroido de 2018

Sobresida a causa contra o "Apóstolo" por ofender os sentimentos relixiosos

A sección número 6 da Audiencia Provincial da Coruña vén de facer público o sobresemento da causa por ofensa aos sentimentos relixiosos recorrida pola Asociación de Avogados Cristiáns contra o actor e dramaturgo Carlos Santiago, e referida ao pregón de Entroido pronunciado en 2018 polo Apóstolo, sobre o que os medios de comunicación e as redes sociais sementaran a polémica.
6055751010_49045d9de7_o
photo_camera Imaxe de arquivo de Carlos Santiago interpretando o seu personaxe do Apóstolo durante un dos seus monólogos. (Foto: Nós Diario)

Os maxistrados José Gómez, César González e Eduardo Fernández-Cid explican na sentenza que "non está debidamente xustificada a perpetración do delito" posto que non se achegaron, por parte dos denunciantes, documentos dos que extraer que se cometeu unha ofensa, xa que "non se sabe que se dixo nin como se dixo".

A sentenza destaca que "interpretar unha parte tan pequena do discurso é contrario a criterios hermenéuticos básicos" e afirma a relevancia do contexto, o Entroido, "unha instancia de catarse programada" sobre a que recalcan que, "polo tanto, non cabe presumir intención de ofender".

Á luz desta resolución, o actor compostelán fai público un comunicado, "dada a repercusión mediática que o asunto tivo no seu día na prensa, convertida por certos medios e partidos políticos nun esperpéntico auto de fe contra a miña persoa".

Así, Carlos Santiago destaca da sentenza que os maxistrados "estabelecen que o pregón estivo plenamente amparado polo dereito á liberdade de expresión, tanto polo contexto do Entroido como polo carácter humorístico e non ofensivo do seu ton e contido".

Na sentenza analízase a "única frase" que os demandantes puideron aducir para xustificar a ofensa. Trátase dunha anécdota referenciada a unha terceira persoa, Cholas, que nun contexto de discusión con xente de Zaragoza pronunciaba "a vosa Pilarica chúpalla ao meu Apóstolo".

Dita frase, conclúen os maxistrados, non ten por que ser referida a unha felación senón que ten un sentido metafórico para "indicar a maior importancia do Apóstolo na evanxelización da Península ou no referido ás peregrinacións". A sentenza apela tamén ao dobre sentido das palabras pronunciadas como recurso habitual na linguaxe humorística. 

"Gustaríame lembrar que toda esta polémica foi iniciada por unha noticia publicada por certo xornal da capital de Galiza, con licenza do eufemismo", explica o escritor en referencia a El Correo Gallego, "que sen respecto ningún pola máis mínima ética xornalística, atribuíume frases que nunca pronunciei, entre elas a afirmación de que a Virxe era unha 'puta'".

"Persoalmente o que máis me entristeceu foi comprobar a acrítica credibilidade" que a veciñanza "da miña cidade natal aínda lle conceden a un xornal que non dubida en mentir e infamar".

Precisamente, os denunciantes reclamaban a presenza, para declarar na causa, do daquela director da publicación, José Manuel Rey, ademais do alcalde compostelán naquel momento, Martiño Noriega, e a concelleira de Turismo, Marta Lois, ademais do propio denunciado.

Cuestión que tamén explican os maxistrados engadindo que "non serían axeitadas para coñecer que se dixo nin como" e "só achegarían notoriedade á causa pero non a resolverían".

A resolución xudicial a unha polémica creada nas redes

O 12 de febreiro de 2018, o Apóstolo, encarnado polo dramaturgo compostelán Carlos Santiago, tiña a honra de pronunciar o pregón do Entroido de Compostela.

Ás poucas horas, un fervedoiro de comentarios estendíase polas redes sociais e os xornais facíanse eco de multitude de palabras ofensivas por parte do pregoeiro e de cara á virxe que ninguén podía probar.

Así e todo, o colectivo de Avogados Cristiáns, con sede en Madrid, facía pública a súa intención de denunicar por "ofensa aos sentimentos relixiosos".

Os comentarios en redes e medios foron tantos que mesmo o daquela presidente do Goberno de España, Mariano Raxoi, se solidarizaba coa veciñanza compostelá ante tal ofensa, que dous anos de varios recursos despois, a maxistratura deixa claro que non se probou que existise.

Comentarios