Presentacións

O proxecto para o diario viaxa a Noia, Cee, Sarria e Fene

Acto de presentación en Mugardos.

Noia, Cee, Sarria e Fene acollerán no que resta de semana e na seguinte presentacións do proxecto para a saída de Sermos O Diario Galego. Unha xeira de actos enmarcados na conta atrás para lograr as 3.000 subscricións que fagan posíbel a iniciativa.

Após percorrer medio cento de vilas até o 25 de xullo, as presentacións do proxecto para a saída de Sermos O Diario Galego retómanse na última quincena de novembro, onde visitaremos vilas como Noia, Cee, Sarria, Fene, Pontevedra, Ordes ou Boiro.

 

A primeira das paradas terá lugar en Noia esta sexta feira, día 16, ás 20.30 horas no RockCafe Bar (Calzada, 12). No acto, convocado pola Mesa pola Normalización Lingüística, tomarán a palabra o poeta e profesor Ramón Blanco, o historiador e profesor da UDC Uxío-Breogán Diéguez Cequiel e mais o xerente de Sermos Galiza, S.A., Roberto Vilameá, que dará conta das características do proxecto.

 

O día seguinte, Sermos O Diario Galego visita Cee. A Casa da Cultura acollerá a partir das 20 horas a presentación, en que participarán a colaboradora de prensa Dulce Canosa, o poeta Suso Bahamonde e o presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza, S.A. Xoán Costa. Convoca A Mesa.

 

O xoves 22: Fene e Sarria

 

A seguinte semana están confirmados os actos de Fene e Sarria, ambos os dous a quinta feira día 22. En Fene a presentación desenvolverase no local da asociación veciñal de Perlío ás 19.30 horas. Tomarán a palabra Elia Rico, presidenta da Sociedade Cultural Medulio, que convoca o acto; Francisco Rodríguez Sánchez, historiador e crítico literario, e Nicolasa Castro, integrante do Consello de Aministración de Sermos Galiza, S.A.

 

Estas últimas presentacións enmárcanse na conta atrás na consecución das 3.000 subscricións que fagan realidade o diario en 2019

 

Convocado pola Fruga, a presentación en Sarria terá lugar na Sociedade Recreativa Unión (Rúa Matías López, 19), ás 20 horas e contará coas intervencións de Elías Somoza, coordinador da Fruga en Lugo; María Casar, presidenta da A.C. Ergueitos, e mais Manuel Da Cal, membro do Consello de Administración de Sermos Galiza.

 

Ordes e Pontevedra (27 de outubro, ás 20.30 horas, na Casa da Luz) serán outros dos puntos do mapa en que recalará o proxecto para a saída de Sermos O Diario Galego. Estas últimas presentacións enmárcanse na conta atrás na consecución das 3.000 subscricións que fagan realidade o diario en 2019. Contamos contigo para te sumar e animar as túas amizades!