Varios furgóns policiais e un helicóptero para vixiar en Vigo unha manifestación estudantil

[Imaxe: @aevigo]

O protesto estaba convocado pola Asemblea de Estudantes de Vigo. Hai unha persoa detida: unha muller de 15 anos que lle fixo unha figa a un axente da policía.


A policía española desprazou esta quinta feira varios furgóns, carros e un helicóptero para "custodiar" a zona centro de Vigo. O motivo foi unha manifestación do estudantado en contra da LOMCE, que saíu ás 11.30 horas da Praza América convocada pola Asemblea de Estudantes de Vigo.

O alumnado, pertencente aos níveis da ESO e Bacharelato, concentrouse diante da sede do PP e da Xunta de Galiza antes de dar por rematado o protesto na farola de Urzáiz. A organización política Nova Esquerda Galega informou nun comunicado da detención dunha muller de 15 anos, Amanda P.A., após facer unha figa a un axente ao ver como a policía española "procedía de maneira agresiva" contra outr@s moz@s, colocadas en ringleira e contra a parede. 

Após ser conducida á escuadra policial (comisaría) e informar o pai, a policía presentou contra esta muller unha denuncia perante a Subdelegación do Goberno por "insultos", feito que se sanciona cunha multa económica.