O lume cerca Ourense e provoca interrupcións no tráfico ferroviario, cortes de luz e os primeiros desaloxos na cidade
Varios focos de incendio na contorna da vía do tren manteñen a circulación interrompida desde ao redor das 14 horas entre Ourense e Taboadela (comarca de Ourense), con afectación aos trens de alta velocidade que circulan entre Galiza e Madrid como aos que realizan o percorrido Santiago de Compostela-Ourense.
Fontes de Renfe explican que aínda non está determinada a causa dos fogos, aínda que persoal da compañía trasladou a viaxeiros e viaxeiras afectadas que os focos os produciu o propio tren á súa chegada á cidade. Avalíase se pór ao dispor dos viaxeiros un medio de transporte alternativo.
O fogo provocou diferentes cortes de luz en varios puntos de Ourense, desde a contorna de San Cibrao das Viñas (comarca de Ourense), pasando polo Couto (barrio da cidade) e Barbadás (comarca de Ourense). Ademais, hai unha visíbel fumareda na cidade. Fontes de Naturgy consultadas informan, sobre as 15 horas, que xa se está repondo o servizo.
O propio alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, remarcou que "está a fallar a luz na cidade" por estes fogos e que están "agora mesmo forzas concentradas na estrada de Seixalbo", parroquia na que a Policía Local de Ourense xa empezou a desaloxar veciños e veciñas por mor da proximidade do lume ás súas vivendas, nas proximidades do parque empresarial de Barreiros. O Concello de Ourense deu luz verde para "colaboración inmediata" do servizo de bombeiros en incendios comarcais.
A Consellaría do Medio Rural informou de que hai un lume activo desde as 14.14 horas no municipio de San Cibrao das Viñas, na parroquia de Noalla. Traballan un helicóptero e dous avións. Pasadas as 15 horas, indicaron que non constan outros fogos activos na cidade das Burgas nin na súa contorna.
Todo iso ocorre nunha xornada na que a Xunta da Galiza decretou a Situación 2 en todo o ámbito provincial de Ourense por unha "preocupante" vaga de incendios, con até 50 no día, que achaca a unha "altísima actividade incendiaria".