O gromo de varíola do mono, en cinco chaves

Os positivos superan xa os 200 en todo o mundo, co Reino Unido á cabeza. (Foto: Nós Diario)
O Goberno anuncia que as vacinas contra a varíola chegarán "nos próximos días" e tamén se prevé a realización de probas PCR da mesma forma que coa Covid-19, a fin de afrontar un surto que "aínda é controlábel".
  1. A variedade de "menor virulencia"
  2. Casos na Galiza
  3. Compra de vacinas
  4. Detección e illamento
  5. "Aínda é controlábel"

Investigadores do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), dependente do Ministerio de Sanidade, presentaron esta quinta feira o primeiro borrador de secuencia completa do virus da varíola do mono (monkeypox, en inglés), obtido da análise xenómica de mostras de 23 pacientes. Este achado, afirman, permitirá coñecer "información adicional" sobre o seu comportamento, así como "comprender mellor a orixe, circulación e difusión".

A variedade de "menor virulencia"

O proceso contou coas referencias publicadas nos últimos días por outros países, como Alemaña, Reino Unido, Portugal ou os Estados Unidos, e os resultados sinalan que as mostras secuenciadas parecen pertencer ao mesmo surto detectado noutros países, como os citados anteriormente, nos últimos días.

A mostra da varíola do mono secuenciada. (Foto: Europa Press)

Así, confírmase que o virus que está a circular no Estado español é da variante de África Occidental, a de "menor virulencia" entre as coñecidas e a que se identificou polo de agora na meirande parte dos países fóra de África implicados neste gromo. Os casos no mundo superan xa os 200.

Casos na Galiza

A Consellaría de Sanidade elevou esta segunda feira a tres os casos sospeitosos de varíola do mono na Galiza, detectados en tres pacientes que se atopan "estábeis" e con síntomas "leves", e só un deles tivo que ser hospitalizado por unha "patoloxía asociada" que padecía —mais xa recibiu a alta—.

Estes tres casos foron remitidos ao Instituto Carlos III para a súa análise por secuenciación e, se callar, posterior confirmación da presenza deste virus. O conselleiro, Julio García Comesaña, apelou á "tranquilidade" e indicou que os tres pacientes "non teñen vencello epidemiolóxico ningún" entre eles.

Compra de vacinas

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, avanzou esta cuarta feira que o Goberno estatal comprará, de forma conxunta con outros países a través da Unión Europea, a vacina contra a varíola producida por Imvanex e tres antivirais, entre eles o tecovirimat, o máis eficaz segundo un recente estudo.

As doses, precisou a ministra, distribuiríanse entre os territorios do mesmo modo que coas vacinas da Covid-19: en función do número de casos. Aliás, comprometeuse a entregalas "nos próximos días ou semanas" aos gobernos territoriais.

Porén, o epidemiólogo e director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, apuntou que, polo de agora, "non sería necesario vacinar" contra a varíola no Estado español, onde os casos ascenden a 59.

Detección e illamento

A Comunidade de Madrid abrangue a meirande parte dos positivos confirmados (51) e xa anunciou que esta fin de semana comezará a realizar probas PCR para detectar casos positivos, seguindo a estratexia contra a Covid-19.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) instou os gobernos de todo o mundo a illar e rastrexar os contactos estreitos das persoas contaxiadas, polo que é probábel que se estenda nas próximas datas o control da transmisión vía PCR.

"Aínda é controlábel"

A OMS, con todo, asegurou esta cuarta feira que o gromo de varíola do mono "aínda pode controlarse" porque o risco xeral de transmisión é "baixo".

"Polo que sabemos do virus e os seus modos de transmisión, este surto aínda pode conterse, polo que o obxectivo é contelo e detelo", dixo a experta en varíola e membro do programa de emerxencias da axencia da ONU, Rosamund Lewis.

A xuízo da OMS, é "pouco probábel" que o virus xa mutase, aínda que considera que a transmisión pode estar a ser impulsada pola o sociabilización que está a haber no mundo tras o levantamento das restricións impostas pola pandemia do coronavirus.