A variante 'Kraken' da Covid-19 chega oficialmente á Galiza após se detectaren catro casos

Espazo para facer test Covid en Monforte, nunha imaxe de arquivo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A Xunta volveu chamar á poboación a que acuda aos centros para completar a súa vacinación contra a Covid-19.

Galiza detectou catro casos da variante da Covid XBB 1.5, coñecida como 'kraken'. Trátase de dúas pacientes da área de Pontevedra e outros dous da da Coruña.

Diso informou a Consellaría de Sanidade na tarde desta quinta feira a través dun comunicado no cal aclara que ningunha das catro persoas infectadas con esta variante está hospitalizada.

Na nota de prensa, a Dirección Xeral de Saúde Pública do Goberno galego remarca que "coa información epidemiolóxica dispoñíbel, non se prevé que esta nova variante teña consecuencias máis graves que as variantes circulantes até o momento".

Con todo, a Xunta volveu chamar á poboación a que acuda aos centros para completar a súa vacinación contra a Covid-19.

Para aquelas persoas pendentes da cuarta dose, lembra que existen 29.000 citas semanais dispoñíbeis para adultos e 1.100 para nenos.

Todas elas xestiónanse a través do sistema de autocita.

Situación a 19 de xaneiro

Galiza rexistra 1.255 casos activos por Covid-19, segundo o último parte da Consellaría de Sanidade, actualizado ás 18 horas do día 18.

Ademais, houbo dous novos falecementos, co que as mortes de persoas con coronavirus desde o inicio da pandemia elévase a 4.047.