A variante Delta Plus xa está na Galiza: detéctanse os tres primeiros casos na Coruña

As 122.000 persoas que recibiron na Galiza Janssen serán citadas para a segunda picada en novembro (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Dous galegos que voltaron de Bélxica e outro de Italia deron positivo. Sanidade anuncia os novos prazos da vacina: a mediados de novembro comezarase a vacinar as 122.000 galegas e galegos que recibiron unha inxección de Janssen.Tamén a mediados de novembro iniciará a administración da terceira dose da vacina ao colectivo de 70-79 anos. 
 

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) detectou na Coruña os tres primeiros casos do variante Delta Plus do coronavirus, concretamente en dous cidadáns galegos chegados de Bélxica e un terceiro de Italia.

Así o avanzou esta sexta feira, 20 de outubro, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Goberno galego.

A Delta Plus é unha variante "que ten entre 12 e 15% máis de capacidade contaxiosa", dixo o presidente polo que, tal e como advertiu, aínda se "descoñece a resposta ás vacinas" administradas até o de agora. "É a variante que máis preocupa nestes momentos", recoñeceu.

Doses de reforzo da vacina en novembro

Precisamente, Feixoo anunciou os novos prazos para a inoculación das doses de reforzo da vacina contra a Covid-19. A mediados do mes de novembro comezarase a vacinar as 122.000 galegas e galegos que, "con independencia da súa idade", recibiron unha inxección de Janssen (a deste laboratorio aplicouse como monodose, pero agora recoméndase unha segunda picada).

Tamén a mediados de novembro iniciará a administración da terceira dose da vacina da Covid-19 para o colectivo de 70 a 79 anos. 

Fin á obrigatoriedade de permanecer no asento en auditorios

Unha semana despois de que a Xunta xeneralizase as ocupacións a 100% en practicamente todas as actividades, a Consellaría de Sanidade decidiu levantar a obrigatoriedade de que o público permaneza sentado en cinemas, teatros, auditorios e espazos similares. Na súa edición bis o Diario Oficial da Galiza (DOG), publicado a última hora da quinta feira, recóllese a eliminación do requisito de que o público debe estar en todo caso sentado nestes espazos.

Até o de agora, este tipo de lugares podían utilizarse a 100% sempre que o público permanecese sentado. Esta nova medida entrou en vigor na quinta feira, polo que xa se poden realizar estas actividades con público de pé ao máximo de capacidade. En todo caso, di o DOG, "deberán estabelecerse as medidas necesarias" para manter a distancia de seguridade nas instalacións.

Feixoo presenta o Plan de infraestruturas sanitarias

Na rolda de prensa, Feixoo tamén avanzou que o novo Plan da Xunta de infraestruturas sanitarias de Atención Primaria contempla a posta en marcha de 37 novos centros de saúde e a reforma de 14.

Na fase 0 faranse nove centros novos: Abegondo, Santa Lucía na Coruña, Antas de Ulla, Centro Integral de Saúde (CIS) de Ourense, A Rúa, Moaña, Soutomaior, Vilagarcía e CIS de Vigo. Tamén figura a reforma do centro de saúde de Conxo, en Santiago.

Na fase 1 figuran 14 novos centros -Noia, Porto do Son, Ribeira, Sagrado Corazón en Lugo, Pantón, Ribadeo, Boborás, O Carballiño, Muíños, Caldas de Reis, o Grove, Poio, CIS da Guarda e CIS de Cangas- e sete reformas - Carballo, para a súa conversión en CIS; Cedeira, Culleredo, A Milagrosa en Lugo, Meira, Outeiro de Rei e Moraña-.

Na fase 2 faranse 14 centros -Fene, San Xoán en Ferrol; Fisterra, Malpica, Teo, Becerreá, Guntín, Allariz, Montederramo, Mariñamansa en Ourense, Barro, Meis, Mos e Ponteareas- e seis reformas - Vimianzo, Foz, Praza de Ferrol en Lugo, Ribas de Sil, Viana do Bolo e O Rosal-. “Son 20 actuacións que iniciaremos na segunda metade da lexislatura”, dixo Feixoo.

Os médicos recorrerán cambios de competencias

Apenas unhas horas antes de que Feixoo presentase o plan, o Consello Galego de Colexios Médicos anunciou que recorrerá vía administrativa e "se é necesario, vía xudicial", o "menoscabo de competencias dos facultativos" pretendido polo Sergas na Atención Primaria ao querer "habilitar os farmacéuticos para a prescrición en determinadas circunstancias" ademais de derivar a demanda asistencial ao persoal administrativo dos centros.

Segundo defenden, trátase  "dun proceso diagnóstico que ten que levar a cabo un facultativo". Lembran que "unicamente un cambio na lei" pode "facer posíbel a transferencia de competencias".