A variante británica da Covid supón xa 95% dos contaxios na Galiza

Dose da vacina de Pfizer, cuxa efectividade non se vería afectada pola cepa británica (Foto: Europa Press).

Galiza é o segundo territorio do Estado con máis peso desta cepa, só superada por Asturies.

Galiza é o segundo territorio do Estado onde a cepa británica máis peso ten nos novos contaxios: 95,3%. Ou sexa, que case todos os casos que se están a detectar no noso país son da variante británica. Só Asturies, cun 98,7%, ten maior peso desta cepa.

Segundo os datos da Actualización da situación epidemiolóxica das variantes de  SARS- CoV-2 de importancia en saúde pública en España, publicada esta segunda feira polo Ministerio de a denominada variante británica aumentou “rapidamente” nas últimas semanas e ten unha “diseminación ampla”, de forma que en once territorios xa é a causante de máis do 70 % dos casos, das que en cinco representa máis do 90 %.

O Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias ( CCAES) subliña no documento que substituíu de forma “rápida” as variantes previas, é a dominante na maior parte dos países europeos, pero tamén noutras localizacións, como en Israel. É “máis transmisíbel, probabelmente máis letal”, e a súa situación no Estado español é “de diseminación ampla e aumentou rapidamente nas últimas semanas”.

Desta forma, en once territorios, dos 16 dos que se dispoñen os datos, supón máis do 70 % de todas as variantes e en 5, máis do 90 %. En concreto eses cinco son: Asturies (98,7 %), Galiza (95,3 %), Cantabria (95 %), Nafarroa (93,7 %) e Catalunya (90 %).