Manuel Vázquez Lima, membro do Comité Clínico

Manuel Vázquez: "A eliminación da variante británica do coronavirus demórase máis no tempo"

Vázquez Lima é coordinador de Urxencias do Hospital do Salnés. (Foto: Nós Diario)
A evolución da pandemia na Galiza ás portas da Semana Santa é estábel, máis ninguén desbota unha nova vaga de contaxios ante o cambio de tendencia que xa se aprecia noutros territorios. A chave está na interacción social, sinala Manuel Vázquez Lima, membro do Comité Clínico que asesora a  Xunta da Galiza.

Hai indicios para temer unha cuarta vaga da Covid na Galiza?

Unha cuarta vaga é posíbel. Que se produzan contaxios ou non depende da interacción social. Se é alta, sen máscara e sen respectar a distancia de seguridade, a cuarta onda pode chegar. É innegábel. Ademais, existe un factor en contra, que é a variante británica, máis contaxiosa, que na Galiza xa está presente en máis de 90% dos novos casos, o que nos obrigaría a extremar aínda máis as medidas de protección. A favor teríamos o bo tempo, que favorece a actividade ao aire libre máis que no interior dos locais, e tamén a vacinación, que xa non depende exclusivamente de nós, senón de que entren vacinas.

Polo tanto, pode chegar a cuarta vaga? Si. E eu creo que vai chegar. A intensidade dependerá de todo isto.

Galiza está nunha fase de meseta. O descenso da curva de contaxios estancouse. É posíbel prolongar esta contención en plena desescalada? Porque hai un patrón que adoita repetirse: máis relaxación, máis casos.

Unha das vías para conter a pandemia é ir ao Covid Cero, que obrigaría a incrementar as restricións ao mesmo tempo que se aplican outras medidas que xa estamos a ter: o illamento precoz dos casos novos, que exixe unha detección temperá mediante cribados rápidos en zonas onde se detectan pequenas repuntas, e o cumprimento rigoroso das normas de illamento. A maiores, podemos evitar ao máximo os interiores e estabelecer sistemas de control de ventilación para unha seguridade adicional. Porén, a loita definitiva é que cheguen moitas vacinas para administralas o máis rápido posíbel.

A teor da evolución da pandemia noutros territorios, habería que aumentar as restricións de cara á Semana Santa?

O que é seguro, e témolo moi claro no comité, é que as medidas deben ser adoptadas de forma precoz en canto se detecte unha lixeira repunta. Se vemos que ese cambio de tendencia é moi marcado, habería que cambiar as medidas, pero, neste momento, creo que son adecuadas.

O que estamos a facer para detectar con maior celeridade calquera mudanza é considerar outros indicadores, dous, nomeadamente: a incidencia acumulada a sete días e a porcentaxe de pacientes que entran nos circuítos Covid en urxencias, porque é un indicador precoz do que pode chegar a pasar no ámbito hospitalario. Agora mesmo está por debaixo do 12% en toda Galiza, cando no pico da terceira vaga, un de cada dous pacientes que chegaban ás urxencias da Coruña, por exemplo, presentaban síntomas compatíbeis coa Covid. Agora, o valor que fixa unha chamada de atención está en 25%. Calquera alteración, neste sentido, conducirá a restricións máis severas. E se a explosión de casos é xeneralizada, igual hai que volver atrás. Isto nunca deixou de ser unha opción. Se é necesario, farase.

Apuntaba a predominancia da variante británica na Galiza. Está constatado que deixa infeccións máis graves, con síntomas máis severos e prolongados?

Está demostrado que a eliminación do virus demórase un pouco máis. De feito, no Consello Interterritorial considerouse a posibilidade de prolongar o illamento dos pacientes cun positivo causado por esta variante, xa que tarda en desaparecer. É máis contaxiosa e nas infeccións que produce presenta unha carga viral máis alta. En canto á letalidade, non está demostrado que sexa maior, pero leva aparellada unha mortalidade superior, ao infectar máis.

Aumentaron os ingresos de xente máis nova que chega á UCI?

Vese xente máis moza, pero ten unha razón lóxica. A vacinación das persoas maiores das residencias e das anciás de máis de 80 anos. O número de casos, de ingresos e de mortes caeu de forma espectacular desde que están vacinados, polo tanto o virus concéntrase en poboación máis nova.  

Cal pode ser o impacto dunha cuarta vaga se temos en conta a situación epidemiolóxica actual? 

En conxunto é mellor agora, en canto a incidencia, PCR e mesmo presión hospitalaria. No Nadal deuse a tormenta perfecta: datos epidemiolóxicos malos, frío, contacto nos interiores, alta interacción social prolongada no tempo mais a entrada da variante británica. Esta combinación favoreceu o que veu despois de Noiteboa, Noitevella e Reis, que foi unha barbaridade.

Arrepíntese de non ter adoptado medidas diferentes?

Visto en perspectiva si, sería máis restritivo. Pero sempre é máis doado ver as cousas cando xa pasaron. O difícil é anticiparse. E a maiores, hai que pensar na eficacia das medidas. Poden ser magníficas sobre o papel, mais se non se poden controlar, o seu valor é limitado.