"Maricones sidosos": vandalizan con mensaxes homófobas un banco pintado coa bandeira do arco da vella en Cabanas

Banco vandalizado en Cabanas (comarca de Eume). (Foto: Nós Diario)
O BNG pide a condena dos feitos e a restauración dos bancos ao seu estado orixinal.

Un banco decorado coas cores da bandeira aeco da vella situado no paseo da Madelana, en Cabanas (comarca do Eume), foi vandalizado con mensaxes homófobas. Os feitos foron denunciados esta cuarta feira polo BNG de Cabanas, que rexistrou unha iniciativa no Concello que solicita unha condena institucional e que se restitúan as cores do banco. "Queremos un concello para todos, onde todos sentan benvidos", sinalou a viceportavoz do grupo municipal nacionalista, Paula Fernández.

"Os autores destes feitos son unha minoría intolerante cara á que expresamos o noso rexeitamento e, estamos seguros, que tamén o pobo de Cabanas", remarcou.

No ano 2017 as estatísticas do Ministerio de Interior recollían que na Galiza se denunciaran 41 delitos de odio, dos cales seis tiñan como motivación a orientación sexual ou identidade de xénero das vítimas. Cinco anos despois, en 2021 —último exercicio con datos dispoñíbeis—, a cifra de delitos aumentara a 73 e os ataques relacionados coa LGBTfobia a 23, o que supón case catro veces máis que en 2017.

Entre 2013 e 2021 houbo 531 delitos de odio e máis de 150 tendo como motivación a orientación sexual ou identidade de xénero das vítimas. A seguir, con máis de cen, están motivados polo racismo e xenofobia.

O Consello de Ministras analizaba a finais de 2022 o II Plan de acción de loita contra os delitos de odio 2022-2024. Informábase no Consello que en 2021 as Forzas de Seguridade investigaron 1.802 posíbeis delitos de odio no Estado, 530 máis que cinco anos antes, o que representa un incremento de 41,6%. Nese mesmo período, 2017-2021, o aumento na Galiza foi de máis de 70%.