"Van dinamitar unha parte do monte". Alertan dun posíbel uso de explosivos no Acibal, unha zona con petróglifos

O Seprona balizou un petróglifo non declarado nas obras do polígono eólico Acibal, en Moraña. (Foto: Amil sen Eólicos)
“Seguimos agardando as resolucións de Patrimonio e Augas da Galiza sobre as voaduras que están tanto nun nacemento de augas como en pedras onde hai petróglifos”, indican desde Amil sen Eólicos.

“Acaban de subir camións con explosivos cara ao Acibal”, así alertan desde a plataforma Amil sen Eólicos das posíbeis intencións de dinamitar parte deste monte.

Algo de especial gravidade xa que se trata dun monte con múltiples exemplos de petróglifos e pedras singulares de grande antigüidade e onde hai mananciais de auga.

“Seguimos agardando as resolucións de Patrimonio e Augas da Galiza sobre as voaduras que están tanto nun nacemento de augas como en pedras onde hai petróglifos”, acrecentan desde Amil sen Eólicos.

Ante isto, a plataforma convocou unha xuntanza no propio Acibal para debater que actuacións tomar. Ademais instan a quen tiver interese a chamar ao Concello para reclamar información e coñecer quen autoriza as voaduras”.

5o petróglifos e pedras singulares en risco

Tal e como informaba Nós Diario o pasado mes de maio, até 50 petróglifos e pedras singulares están en perigo polas obras para a instalación de eólicos no Acibal.

O maltrato de patrimonio por parte das promotoras eólicas que están a instalar o parque eólico Acibal non se limita só a petróglifos, denuncia Amil sen Eólicos.

Segundo indican, hai exemplos de pedras con 'coviñas' apartadas do seu lugar orixinal pola forza. As coviñas son pequenos ocos artificiais escavados na superficie de rochas, trátase dun dos motivos rupestres máis comúns.