A Valedora do Pobo abre dilixencias de oficio polo presunto asasinato da muller en Barro

Concentración en repulsa polo feminicidio ocorrido en Barro. (Foto: Europa Press)
O organismo trasladou un informe ao Defensor do Pobo español.

A Valedora do Pobo vén de iniciar dilixencias de oficio polo presunto asasinato machista de Jéssica Méndez, a moza de Barro que faleceu despois de que un veciño seu, ao que denunciara por acoso con anterioridade, levara por diante o seu coche.

Nun informe remitido ao Defensor do Pobo español, o organismo ínstao a que lle solicite ao lexislador a normativa para desenvolver o Pacto de Estado contra a violencia sobre a muller, que recolle que feitos como o acontecido teñan a consideración de violencia de xénero, as vítimas, a protección e asistencia especializada previstas pola LO1/2004.

Deste xeito, segundo a comunicación remitida e recollida por Europa Press, o presunto asasino, para gozar de calquera beneficio penitenciario, debería cumprir as condicións xa estabelecidas pola lexislación específica, que fundamentalmente sería a súa participación en programas formativos.

No seu informe, o alto comisionado da Galiza lembra que tanto o Convenio de Istambul do 11 de maio de 2011, asinado polo Goberno español, como o Pacto de Estado contra a violencia de xénero recollen que actos como o acontecido en Barro sexan considerados como violencia de xénero.

Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

A Valedora do Pobo tamén lembra que o propio pleno do Congreso aprobou por unanimidade en 2016 unha proposición non de lei que instaba o Goberno español a impulsar a sinatura dun Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero por parte do Executivo estatal, as autonomías, Ceuta e Melilla e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

O obxectivo deste pacto é "seguir a impulsar políticas para a erradicación da violencia contra as mulleres como verdadeira política de Estado".

Ademais de prestar especial atención ao impacto nos fillos das mulleres que sofren violencia, tamén se atende a outras formas de violencia (sexual, trata de mulleres e nenas e mutilación xenital feminina), así como actos de violencia de xénero que poidan implicar danos ou sufrimentos físicos, sexuais, psicolóxicos ou económicos nas mulleres, incluídas as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria de liberdade, na vida pública ou privada.

No seu informe, a Valedora advirte de que casos como o de Barro supoñen "a culminación do acoso a longo prazo" e "terían a valoración que merecen", ofrecendo ás mulleres que sofren este tipo de violencia, ou outras vítimas afíns, o amparo que a lei estabelece.