A atención á diversidade no ensino público, no foco

Manifestación contra os recortes en atención á diversidade (Marea Atlántica)
As necesidades da atención á diversidade nos centros de ensino público galegos ecoan esta semana, coincidindo coa celebración do Día internacional das persoas con diversidade que se celebra esta terza feira.

Algunhas desas reclamacións substáncianse na moción que o Grupo Común da Esquerda traslada esta mañá ao Pleno do Parlamento, coa que quere instar a Xunta a «evitar a discriminación do alumnado con necesidades especiais, garantindo o apoio adecuado con axuste razoable».

Nela, o grupo na oposición chama a actualizar o decreto de 2011 polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes galegos para adaptalo á Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, e chama a desenvolver o proceso de transformación de centros especiais en centros de recursos que dean apoio aos centros ordinarios. A creación dun Observatorio Galego, a elaboración de plans de formación permanente actualizados ou a inclusión das familias da toma de decisións son outros dos aspectos que se demandan da Xunta, ademais da eliminación das diferenzas entre territorios, de cara a garantir o dereito do alumnado independentemente de onde viva.

Incumprimentos da Xunta

As carencias e recortes en persoal especializado de apoio aos centros que denunciou o pasado mes de outubro a plataforma Dereitos, non parches mantéñense en distintos centros docentes da comarca coruñesa. Segundo alerta a CIG, colexios como o Wenceslao Fernández Flórez de Cambre ou o Alfredo Brañas de Paiosaco (A Laracha) seguen sen especialista en audición e linguaxe e de pedagoxía terapéutica respectivamente, e un centro como o Ponte dos Brozos de Arteixo non viu cuberta a súa praza de audición e linguaxe até hai dús semanas, pasado xa case un trimestre desde o inicio do curso.

"A atención a diversidade non é unha prioridade para a Consellaría de Educación e así se constata pola vía dos feitos, dado que a día de hoxe segue a haber centros que continúan con prazas catalogadas de especialistas de atención a diversidade sen cubrir", advirte a sección de Ensino da central sindical.

Como fai notar, a Xunta "incumpre ano tras ano" o acordo que acadou coa maioría da representación sindical en 2007, polo que se comprometía a dotar os centros dun cadro mínimo de profesorado en función do número de unidades e a incrementar a dotación anterior naqueles centros ordinarios que integren alumnado con necesidades educativas especiais, en función do número e da tipoloxía destas necesidades.

"Incúmpreo de todas as maneiras posíbeis", critica a CIG, que sinala que Educación deixa sen cubrir desde o inicio de curso  prazas de catálogo de especialistas de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, e tampouco incrementa suficientemente prazas definitivas destas especialidades por riba de catálogo nos casos de centros que presentan máis alumnado con necesidades específicas de apoio, ademais de reducir considerabelmente as prazas deste mesmo persoal especialista na etapa da Secundaria. "Como se o alumnado que presenta necesidades específicas de apoio educativo vise considerablemente reducidas ou desaparecesen a súas necesidades ao chegar a esta etapa", censura.

Na mesma liña, a Deputación coruñesa aprobou no Pleno ordinario celebrado esta segunda feira, día 2, unha moción na defensa da atención á diversidade no ensino público e contra os recortes da Xunta neste campo, presentada polo grupo da Marea Atlántica –e que recibiu o apoio do PSOE, o BNG e Alternativa dos Veciños–, na que se recollen as reclamacións de oito colexios da Coruña e doutros tres en Cambre, A Laracha e Arteixo, afectados polas carencias de persoal especialista.  

No texto, advírtese das "medidas correctoras, con profesorado a tempo parcial" aplicadas pola Xunta nas últimas semanas ante as demandas e mobilizacións das familias, unha maneira de proceder que "afonda na conculcación do dereito constitucional a unha educación de calidade e en igualdade de condicións e ataca un dos elementos básicos para a redución do fracaso escolar: o labor de orientación e atención ás necesidades especiais do alumnado”.