Valdeorras, un hospital en declive: "Os especialistas veñen pasar consulta e marchan"

Veciñanza e colectivos en defensa da sanidade pública de Valdeorras concentráronse este 16 de xuño diante do hospital comarcal. (Foto: Nós Diario).
Veciñanza e colñectivos en defensa da sanidade pública reivindican unha sanidade de proximidade e piden servizos eficaces para facer fronte ás patoloxías propias da comarca.

"O Hospital Público de Valdeorras está deixando de ser un hospital para converterse nun centro de especialidades onde o persoal vén pasar consulta e marcha. Vai camiño de ser un ambulatorio con camas de crónicos e xeriatrías", describe o enfermeiro e sindicalista, membro da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Valdeorras, Suso Vilasánchez.

Segundo di, un centro hospitalario ten que ter capacidade de ingresar e de seguir a evolución dun paciente, "e o persoal especialista ten que coñecelo e poder ofrecerlle seguimento", unha práctica por veces complicada no hospital de Valdeorras, "ferido de morte" desde a implantación do novo modelo da estrutura organizativa de xestión integrada (EOXI) do Servizo Galego de Saúde, de 2010, mantén o colectivo.

O distrito sanitario de Valdeorras atinxe unhas 32.000 persoas espalladas por 1.685 quilómetros cadrados de territorio de montaña: O Barco, A Rúa, Viana do Bolo, Trives, Vilamartín, Carballeda de Valdeorras, Rubiá, A Veiga, O Bolo, Manzaneda, Petín, San Xoán de Río, Vilariño de Conso e Larouco.

En 2011 o comarcal de Valdeorras funcionaba como "ente autónomo dentro do sistema público de saúde, con obxectivos comúns a toda a rede hospitalaria e obxectivos particulares de acordo coas patoloxías predominantes e as necesidades da área". Contaba cun cadro básico de 400 traballadoras e traballadores -272 eran persoal sanitario e de admisión- e unha trintena de servizos. Desde que "todo se centrou en Ourense, foi perdendo recursos, unhas veces coa desculpa de optimizar e outras coa de que non había especialistas que quixesen vir a Valdeorras".

O hospital vai camiño de ser un ambulatorio con camas de crónicos e xeriatrías

En 2017, lembra Vilasánchez, "soubemos tras unha orde xudicial que había 20 especialistas deste hospital prestados a outros centros; de cardioloxía, xinecoloxía, traumatoloxía, oncoloxía...". Hoxe, advirte, "descoñecemos se hai persoal cedido, se hai profesionais que nunca se chegaron a incorporar á súa praza ou cantas prazas se amortizaron e que pasou coa súa dotación".

Baleirado de recursos

Censura "un ocultismo extremo" e unha "xestión desastrosa" após o "baleirado do hospital do Barco dos seus recursos de autoorganización".

Segundo enumeran desde a plataforma sanitaria de Valdeorras, cirurxía xeral chegou a ter cinco profesionais e "hoxe fica reducida a un só que precisa apoio desde Ourense". Tamén, traumatoloxía, de tres pasou a un con apoio. "Uroloxía e cardioloxía ficaron sen nada. Veñen de Ourense pasar consulta ou facer intervencións menores e marchan". Dermatoloxía desapareceu -teñen que desprazarse-, igual que medicina preventiva e admisión. "Rehabilitación fica sen facultativos. Xinecoloxía e obstetricia, co cadro incompleto. Radioloxía, só con dous profesionais, con gardas a distancia desde Ourense e pediatría vén de perder esta semana unha das dúas especialistas que tiña".

Medicina interna, "alicerce noutrora deste hospital", reduciu o seu persoal facultativo en 50%. É, con todo, xunto a urxencias, o único servizo que mantén as gardas presenciais 24 horas".

Cirurxía xeral chegou a ter cinco profesionais, hoxe fica reducida a un só que precisa apoio desde Ourense

Todo isto, din, nun centro de referencia para concellos extensos e despoboados. "Si, seremos poucos, pero temos tantos dereitos como os que viven en grandes cidades. Os recursos teñen que existir e ser eficaces. Non vale recortar sempre".

"Non se entende que non haxa unidade de pneumoloxía"

Só en 2018 perto dun cento de persoas da comarca de Valdeorras e doutros municipios próximos foron diagnosticadas de silicose. Detectáronse 96 casos, o dobre que o ano anterior.

"Ourense é a provincia con maior nivel de inhalación de po en suspensión, fundamentalmente por parte de traballadores do sector da lousa. Somos a zona que máis persoas enfermas achega en todo o Estado ás listas de Sanidade. O ideal sería dispor dunha unidade propia dedicada a esta doenza pero o que non se entende é que este hospital non teña un servizo de pneumoloxía", afirma Suso Vilasánchez. 

Neste sentido, o BNG rexistrou o pasado 8 de xuño no Parlamento a creación dunha unidade especializada en Valdeorras e a posta en marcha dunha campaña de control das condicións de traballo na lousa.