O BNG exixe incapacidade total para as persoas afectadas por silicose

O BNG reclama ao Goberno español que recoñeza a silicose, unha doenza afecta ao persoal traballador do sector da pedra, como enfermidade profesional para o recoñecemento da incapacidade permanente.
Néstor Rego, portavoz do BNG no Congreso dos Deputados. (Foto: Europa Press)
photo_camera Néstor Rego, portavoz do BNG no Congreso dos Deputados. (Foto: Europa Press)

A silicose de primeiro grao, unha doenza que padecen moitos traballadores do sector da extracción e transformación de pedras como o granito e a lousa, non está considerada na actualidade como enfermidade profesional pola que se determine o recoñecemento dunha incapacidade permanente, pese a que o traballador tampouco pode seguir no seu posto e debe ser trasladado a outro no que non exista risco de inhalación, "o que dificilmente pode suceder nunha empresa dedicada á extracción ou transformación de granito ou lousa, onde non existen postos de traballo non expostos ao po", apunta o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego

Precisamente, ante esta situación, o partido nacionalista insta o Goberno español a adoptar as medidas necesarias para dar solución aos problemas das persoas traballadoras neste sector que están diagnosticadas de silicose de primeiro grao e que non poden acceder a outro posto de traballo exento de risco de exposición á inhalación de po silicótico dentro da mesma empresa.

"Resulta evidente que os traballadores das canteiras de pedra e de lousa están sometidos a un tipo de actividade profesional que en moitos casos deriva nunha enfermidade de orixe laboral, debido á inhalación de altas porcentaxes de sílice", destacou Rego.

Con todo, non é a única enfermidade profesional relacionada directamente coa súa actividade, xa que tamén se ten probada a redución de audición, polo que a xordeira é tamén unha enfermidade de grande incidencia neste sector e de orixe profesional.

Outro problema de índole laboral que afecta tamén estes traballadores e traballadoras é que non se lles aplica ningún tipo de coeficiente redutor á hora de calcular o tempo de cotización para a xubilación, como si acontece coa minaría interior.

Neste senso, o BNG pide ao Executivo español que dea as instrucións necesarias á Seguridade Social para que, mentres non se lexisle no sentido indicado, varíe o seu criterio actual. 

O obxectivo é que se recoñeza o dereito á aplicación dos coeficientes redutores ás persoas traballadoras das empresas de extracción e transformación da pedra, petición xa formulada en 2009 a instancia do BNG nunha Proposición non de Lei aprobada por unanimidade no Congreso das Deputadas.

Comentarios