Vaga de queixas pola supresión de rutas e a escaseza de servizos de autobús na Galiza

Usuarias do autobús A Coruña e Ferrol agardando un autocar de reforzo ao non ter praza. (Foto: Plataforma Transporte Público Digno Ferrol e Comarca)

Asociacións de nais e pais denuncian graves deficiencias no transporte escolar, persoas usuarias que organizan protestas polo mal servizo en liñas interurbanas, viaxeiras que teñen que optar polo coche particular ante atrasos e supresión de rutas... O transporte por estrada empeza o curso con críticas e denuncias.

O transporte colectivo de viaxeiros e viaxeiras asenta en dúas patas principais: ferrocarril e autobús. A diferenza doutros países, a Galiza carece unha rede de proximidade que conecte internamente o país polo que o transporte por estrada é fundamental, máis aínda nun territorio cunha forte dispersión poboacional. Porén, a fin das vacacións do verán e o reinicio do curso escolar e laboral está marcado por denuncias e queixas en moitas comarcas galegas sobre deficiencias, algunhas delas novas e outras que veñen de vello, no transporte por estrada.

Un exemplo é o da liña de autobús que une Pontevedra e Vigo,  onde usuarios e usuarias denuncian "servizos que chegan unha hora máis tarde" e falta de prazas. Isto, nunha conexión entre dúas cidades onde existe a alternativa por tren, opción que en boa parte da Galiza non hai ou é escasa. En Ares, a semana comezou coa Garda Civil parando un bus destino Ferrol por "levar de pé máis persoas das permitidas", describe o alcalde, Julio Iglesias. Afirma que son "numerosas as queixas de usuarios e concellos, sen que a Xunta faga absolutamente nada".

Malestar crecente

Outro 'punto quente' é o da conexión entre A Coruña e Ferrol, onde a plataforma Transporte Digno para Ferrol e Comarca apuntan que nestes días foron "decenas" as persoas usuarias que quedaron tiradas nalgunhas paradas. "Está moito peor que o curso pasado, agora é un caos, cada vez son máis as persoas prexudicadas", indican, denunciando ademais a supresión de liñas, como a das 6:30 horas.

A plataforma convocou para este sábado unha caravana de vehículos entre A Coruña e Cambre pola AP-9, coa intención de "colapsar" este tramo e chamar a atención sobre o problema que padecen.

Ana Otero, veciña da Coruña, confesa a Nós Diario que tivo que volver optar polo vehículo privado para ir traballar, "pois no autobús agora non chego a tempo". Apela á contradición das mensaxes da Administración a favor do uso de transporte colectivo mentres que "cando ese transporte non cumpre, non lles ten consecuencias, a Xunta pasa e nós vémonos na obriga de recorrer ao vehículo privado".

Responsabilidade da Xunta

Neste sentido, Juanjo Ruíz Varela, especialista e consultor en transporte e mobilidade, asesor en tempos da Xunta da Galiza e consultor de diversas entidades sinala a Nós Diario que "a responsabilidade da Xunta neste problema é absoluta", pois as liñas que explotan as empresas de transporte son "concesións" e a Administración galega "ten a obriga de facer cumprir os termos do contrato concesional". 

O Goberno galego escúdase, pola súa parte, en que os "colapsos" que se denuncian responden a unha especie de tormenta perfecta: o inicio do curso escolar, a aplicación do desconto de  50 %, e a recuperación progresiva de usuarios tras a pandemia.

Algo que tamén apuntou Fernando García, da Asociación de Viaxeiros por Estradas Galibus:"A Xunta da Galiza debe obrigar as empresas concesionarias dos servizos regulares ou do transporte escolar a cumprir as condicións fixadas das adxudicacións". 

O Goberno galego escúdase, pola súa parte, en que os "colapsos" que se denuncian responden a unha especie de tormenta perfecta: o inicio do curso escolar, a aplicación do desconto de  50 %, e a recuperación progresiva de usuarios tras a pandemia.

Argumentos que para Víctor Piñeiro, usuario da liña do Barbanza a Compostela, son "desculpas de mal pagador", pois "hai problemas que veñen de atrás, como os atrasos ou a escaseza de frecuencias, e que agora se agravan porque non se solucionaron". No Barbanza tamén hai malestar en varias ANPA, como as de Ribeira, que desde o inicio do curso escolar falan de "caos".   Mesma situación que en Poio, onde o Concello se dirixiu á Xunta e á concesionaria após constatar que o servizo non cubriu os traxectos estabelecidos. 

"Se á xente se lle ofrece un servizo bo si que apostaría por coller o autobús, sobre todo ao prezo que vai agora o combustíbel. Pero creo que desde a Xunta non están moi po este labor", lamenta Piñeiro.

Máis de 80% das liñas na Galiza están en mans de Monbus ou  Unións Temporais de Empresas  nas que participa esta firma. O sector do transporte acusou en mazo pasado na Xunta de "conivencia" con Monbus.