Vaga mobilizadora pola defensa da sanidade pública

Concentración decorrida esta segunda feira ante o Hospital Lucus Augusti. (Foto: Nós Diario)
A Fonsagrada, O Carballiño, O Condado, A Paradanta, O Morrazo e Soutomaior atópanse baixo mínimos.

Unha caravana de coches discorreu esta segunda feira desde A Fonsagrada até o Hospital Lucus Augusti, en Lugo, en defensa da sanidade pública da comarca. Convocada polo BNG, veciñanza da Fonsagrada e de Negueira de Muñiz, acompañada do vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, da deputada Iria Castro, e dos concelleiros da cidade das murallas Álex Penas e Maite Ferreiro, denunciou que o centro de saúde da cabeceira da comarca conta, a día de hoxe, con só dúas médicas para atender perto de 4.000 persoas. 

A mobilización súmase á decorrida a pasada fin de semana no Carballiño (comarca homónima), que xuntou máis de 3.200 persoas que reclamaron a restitución de dúas pediatras a xornada completa no centro de saúde da vila. No marco desta reivindicación, a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública do Carballiño recolleu máis de 3.000 sinaturas en dúas semanas, obtendo tamén o apoio da Corporación local. 

Nunha situación similar atópanse os ambulatorios do Condado e da Paradanta. Segundo SOS Sanidade Pública, atópanse sen pediatra O Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario e Salvaterra, polo que as crianzas deben desprazarse até o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Na mesma comarca, unha soa pediatra debe atender as crianzas de Arbo, As Neves, A Caniza e Crecente, con até 15 días de agarda para as consultas pediátricas. 

Catro semanas de agarda

No caso de Ponteareas, lembran desde SOS Sanidade Pública, fican sen cubrir 5 das 15 consultas totais do centro de saúde. Así, a espera para consultas médicas pode chegar ás catro semanas, e xa son máis de 5.000 as persoas que non teñen un facultativo ou unha facultativa asignada. Por todos estes motivos, a plataforma do Condado-A Paradanta convoca mobilizacións e recollidas de sinaturas esta terza feira en Ponteareas, na cuarta feira en Mondariz e na quinta feira no Covelo. 

Tamén no Morrazo, unha nova concentración diante do centro de saúde de Cangas reivindicará esta terza feira uns orzamentos "xustos" para a sanidade pública, aumentar o cadro de persoal do ambulatorio, cubrir o 100% das ausencias de todo o persoal, contar co reforzo dunha terceira ambulancia e recuperar a consulta de pediatría polas tardes.

Ademais, o BNG de Soutomaior organiza na sexta feira, ás 20 horas, no ambulatorio de Arcade unha concentración para exixir máis persoal sanitario.