A vaga de calor deixa temperaturas récord en cidades como Ourense, con 42,5 graos

Dous rapaces xogan con auga nun parque de Ourense, esta terza feira (Foto: Rosa Veiga / Europa Press
As altas presións provocan a entrada de ar quente de África

A vaga de calor que a Galiza está a sufrir fíxose notar especialmente o día desta terza feira. Até o de agora, o país non sufrira  altas temperaturas como si o fixeran outras partes da península Ibérica ou países de Europa e Asia. O motivo principal foi o anticiclón dos Azores, que impedía a chegada de ar quente africano á Galiza. Con todo, as altas presións rexistradas nas últimas dúas xornadas provocaron que esta calor do continente africano chegara finalmente ao país.

Na xornada desta terza feira a temperatura máis alta rexistrouse na cidade de Ourense, con 42,5 graos. Isto supón a terceira vez na historia desde que existen rexistros de Meteogaliza que a cidade das Burgas supera a barreira dos 42 graos centígrados. As dúas outras ocasións foron o ano pasado. O resto do país, salvo contadas excepcións no norte, superou os 30 graos de temperatura máxima. 

Pola súa parte, en cidades como Vigo ou Compostela superáronse os 34 graos centígrados. En Lugo alcanzáronse 32 graos mentres que Monforte de Lemos chegou aos 38. En Ferrol os termómetros marcaron 33 graos, un menos do que marcaron na cidade de Pontevedra. Na Coruña, a temperatura máxima foi un pouco máis baixa do que no resto, alcanzando 30 graos de máxima.

Para a xornada desta cuarta feira prevese que a vaga de calor continúe, se ben con menor intensidade do que esta terza feira, algo parecido ao que acontecerá mañá. Finalmente xa na xornada da sexta feira espérase unha baixada das temperaturas e mesmo algunhas chuvias na metade norte da Galiza.

Situación dos encoros

Pola súa parte, os encoros galegos sitúanse, de media, a dous terzos da súa capacidade total, ao contar con 2.473 hectómetros cúbicos de auga embalsada, apenas 18 menos que hai unha semana. Segundo datos ofrecidos esta terza feira polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, as reservas baixaron menos de medio punto nos últimos sete días e sitúanse a 66,6%. O ano pasado, por estas datas, estaban a 52,6% de capacidade.

En concreto, nos encoros da conca Miño-Sil as reservas descenderon lixeiramente até 66,6% da súa capacidade total, con 2.018 hectómetros cúbicos de auga -15 menos que a semana pasada-. Pola súa parte, as presas da outra conca do país, Galiza-Costa están a 66,5% ao ter un total de 458 hectómetros cúbicos de auga -apenas tres menos que hai sete días-.