Sen vacinas extra de Pfizer: a Xunta bota balóns fóra e acusa Sánchez

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Foto: EP).
A Xunta reprograma a vacinación da vindeira semana e critica que non chegará ningunha das doses prometidas polo presidente do Goberno español.

O Goberno galego informou no día de hoxe da reprogramación da vacinación prevista a vindeira semana por non contar con suficientes viais. A Xunta bota balóns fóra e acusa directamente desta situación ao Goberno español, a quen reclama ser o responsábel de dispoñer unicamente "da metade das doses de Moderna comprometidas e de ningunha das de Pfizer" anunciadas polo presidente Pedro Sánchez a pasada semana en Salamanca.

A Xunta engadiu que recibe estes datos "unhas horas despois" de que o conselleiro de  Sanidade remitise unha carta á súa homóloga no Goberno, Carolina  Darias, esixindo "información puntual e clara" sobre a repartición de vacinas, para "poder programar e seguir inmunizando á nosa poboación".

Na misiva, García Comesaña tamén aludía a que "sería un bo momento para incorporar esa información a un informe completo sobre os criterios que se foron aplicando nas sucesivas reparticións", ademais de pedir que o Goberno español "rectifique esta decisión unilateral e non comunicada até hai poucas horas".

A mocidade responde á chamada da vacinación a pesar do Sergas

A pesar dos problemas informáticos que durante toda a xornada rexistrou a plataforma dixital de autocita de vacinación do Sergas -denunciados pola propia xuventude a través das redes sociais-, a mocidade galega de entre 16 e 21 anos esgotou os 25.000 ocos dispoñíbeis para recibir a vacina de modo inminente.