Coronavirus na Galiza: soben as doentes na UCI, pero baixan os casos activos

A mocidade colapsou a web do Sergas tratando de obter unha cita para a vacina (Foto: EP).
A web do Sergas, colapsada no día en que se abrían as autocitas para a vacinación das menores de 20 anos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade da Xunta da Galiza vén de informar que, na súa última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 17.742, dos que 4.526 corresponden á área da Coruña, 2.114 son da de Lugo, 1.401 da de Ourense, 2.331 da de Pontevedra, 4.317 da área de Vigo, 1.999 da de Santiago e 1.054 da de Ferrol.

Esta cifra marca un importante descenso de descenso de 453 casos con respecto ao día de onte (18.195), no que xa se rexistrara outra baixada considerábel, neste caso de 448.

A nota negativa é que, do total de doentes positivos, 54 están en UCI, o que representa un alza dunha persoa con respecto ás 53 da pasada sexta feira. Ademais, 255 permanecen en unidades de hospitalización e 17.433 no seu domicilio. Polo de agora, na Galiza hai un total de 143.955 persoas curadas, rexistrándose 2.489 falecementos. 

Colapsa a web do Sergas

A páxina web do Sergas colapsou esta mañá. A razón alegada pola Xunta é a avalancha de solicitudes de autocita para a vacinación das menores de 20 anos, que se habilitaban a partir deste sábado 25.000 prazas.

A web, onde ademais das autocitas, están dispoñíbeis todos os datos a nivel galego sobre a pandemia, notificoulle 'erro no servizo' a toda aquela que quixese pedir quenda para a vacina, para, posteriormente, denegar o acceso á páxina en si.

A versión de Sanidade é que o fallo no sistema débese ao "elevadísimo  volume de entradas", e a que todas ocorreron "á primeira hora", aínda que non confirmaron cando poderá volver accederse ao portal.