As vacinas galegas contra o coronavirus avanzan en fase de avaliación preclínica

O investigador do Ciqus, José Martínez Costas. (Foto: Xaime Cortizo / Sumo Valor).
Ambos os dous proxectos atópanse en fase de probas en animais

A loita contra o coronavirus SARS-CoV-2 na Galiza tamén se concibe desde os laboratorios. Desde o inicio da pandemia, a comunidade científica galega traballa na mellora dos métodos de diagnose e tratamento contra a Covid-19 pero tamén na procura dunha vacina eficaz contra esta doenza.

Dunha banda, está o proxecto liderado por José Martínez Costas desde o Ciqus -Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC- co financiamento do programa de micromecenado da universidade compostelá "Sumo Valor" a través da súa liña específica centrada na loita contra a Covid-19.

Tecnoloxía propia fronte ao virus

Desde o pasado mes de abril traballan no desenvolvemento dunha vacina con tecnoloxía propia. "Podemos programar que células de calquera tipo constrúan microesferas de proteína e carguen dentro delas calquera proteína que nos interese, neste caso un antíxeno de coronavirus. Estas microesferas teñen capacidade para estimular o sistema inmune", explica Martínez Costas.

A vacina está a probarse en Alemaña, en ratos. "Acaban de recibir a segunda dose así que en menos dun mes esperamos ter os primeiros resultados sobre a resposta que xera e en que condicións". Segundo apunta a Nós Diario, están a realizar probas con distintas composicións da vacina, subministrada tanto por vía intranasal como intramuscular para a cal funciona mellor. 

"A nosa proposta é diferente das que se están administrando agora. Ten máis proteínas, así que esperamos ter unha resposta mellor, máis ampla e duradeira", admite o investigador.

Superada esta fase, planean un ensaio en macacos, que se levaría a cabo en Holanda, para empezar xa a ver a posibilidade de realizar un ensaio clínico. "Aínda que esa opción xa non depende de nós, senón do estado de vacinación da poboación, da vontade das autoridades sanitarias e da potencia que demostre a vacina".

Tecnoloxía ARN

Doutra banda está o proxecto liderado por María José Alonso desde o Cimus -Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago-, un dos dez proxectos que o Instituto de Salud Carlos III financia no Estado español para obter unha inxección contra o coronavirus.

Trátase dunha fórmula baseada na tecnoloxía do ARN mensaxeiro, a partir da nanotecnoloxía farmacéutica. "Consiste en nanopartículas que conteñen ARN mensaxeiro, é dicir, que tras a administración destas partículas a un organismo por medio dunha inxección, as nanopartículas dirixen o ARN ao interior das células, transfiren a información xenética e xa o noso organismo produce o antíxeno que dá lugar á resposta inmune e nos vai defender fronte á enfermidade".

Esta vacina atópase en fase de avaliación preclínica. "Os ensaios con animais dirán se a resposta é potente e o seguinte paso será realizar os ensaios clínicos" antes de dar o salto á fabricación, asegura a investigadora María José Alonso, sen poder predicir unha data.

A finalidade do seu equipo, di, é conseguir unha vacina óptima, e estábel, doada de producir e de transportar "para que tamén poida ser accesíbel aos países en vías de desenvolvemento". 

"Ningún ensaio di que unha combinación funcione mellor" 

Sobre as novas conclusións da Axencia Europea do Medicamento sobre a vacina de AstraZeneca, José Martínez Costas defende o labor das autoridades regulatorias. "Están facendo o seu traballo e fano ben". Pero advirte, o foco sobre a vacina é tal "que todo se esaxera, cando o risco é mínimo".

Ademais, engade, "non podes parar a administración dunha vacina que se demostrou segura e eficaz cando non tes unha alternativa inmediata", como pode ser a de Janssen ou a Sputnik V. Porén, di, "o tipo de vacina é o mesmo e poden chegar a presentar riscos similares".

Así, censura o "exceso de prudencia" dos gobernos á hora de cambiar os criterios de vacinación e descarta vacinar os que xa recibiron a primeira dose cunha solución distinta. "Non hai un ensaio clínico que demostre que unha combinación funcione mellor".