A vacinación dos menores de 59 comezará para a semana

Punto de vacinación en Vigo (Foto: Europa Press)
Sanidade quere rematar a vindeira semana a vacinación das persoas maiores de 60 anos e comezar coa inmunización das galegas e galegos de 59 anos cara a abaixo.

O Sergas prevé finalizar a próxima semana a vacinación das persoas maiores de 60 anos. Entre mañá e o sábado están programadas 90.000 doses para persoas de entre 65 e 69, co que a Xunta quere comezar a próxima semana coa inmunización das galegas e galegos de 59 anos cara a abaixo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, avanzou as novas fases da vacinación e precisou que para o colectivo de menos de 59 inxectaranse as solucións de Pfizer e Janssen, esta última monodose. 

Sobre a vacinación dos mariñeiros, e após iniciarse o procedemento do convenio entre a Xunta da Galiza e o Instituto Social da Mariña, Feixoo indicou que o Sergas inclínase por aplicar o antídoto de Janssen neste persoal.

Tamén confirmou que a idea é empezar polas listaxes de mariñeiros de frota de altura e grande altura e, a continuación, inmunizar os de baixura.

A este respecto, tamén se pronunciou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que afirmou que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ten "a cara de cemento armado" polo seu "embuste" sobre o tratamento a este sector. Esa foi a resposta á afirmación do socialista, que acusara a Xunta de dar as costas aos traballadores da pesca.

O presidente galego mostrou a súa "lealdade absolutamente escrupulosa" co Consello Interterritorial do Sistema de Saúde estatal, en que se adoptan as decisións sobre a vacinación, a pesar das discrepancias que mantén a Xunta coa estratexia.

Nese sentido, o mandatario galego asegurou que o seu Goberno entende que "o lóxico" é aplicar a segunda dose de Astrazeneca ao colectivo de persoas menor de 60 anos que recibiron a primeira -entre os que se atopan uns 60.000 traballadores declarados esenciais-, mais a decisión que se adoptou foi a defendida polo Ministerio de Sanidade de agardar ao ensaio clínico no que se estuda a posibilidade de combinar este fármaco -de técnica adenovirus- cunha vacina de tecnoloxía ARN mensaxeiro (como Pfizer ou Moderna).