Vacinación acelerada: 30.000 doses máis nas últimas 24 horas

Unha persoa recibe a terceira dose da vacina en Pontevedra, hai escasos días. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
A Consellaría de Sanidade explica que 888 desas picadas foron para completar pautas de tratamento fronte ao coronavirus. A campaña de reforzo para persoas de 60 a 69 anos continúa a pleno rendemento nos vacinódromos.

A Consellaría de Sanidade confirma que o persoal sanitario continúa traballando a pleno rendemento na nova campaña de vacinación masiva, neste caso para as doses de reforzo dos fármacos contra a Covid-19, coas últimas cifras fornecidas aos medios.

O departamento da Xunta asegura que nas últimas 24 horas se inocularon máis de 30.000 remedios, dos que perto de 1.000 (888) foron para completar pautas.

Atendendo ao sistema de control chamado Cronómetro de Vacinación’, desde que chegaron as vacinas até este sábado empregáronse 5.057.341 doses, o que implica un aumento de 31.962 en relación aos datos desta sexta feira, 3 de decembro.

Son o 96% das que recibiron as autoridades sanitarias, pois nos últimos días chegaron 107.600 recipientes coas cantidades pautadas para unha picada.

Por grupos de poboación por vulnerabilidade ao virus hai 19.819 persoas consideradas de alto risco coa pauta completa; 17.156 dependentes non institucionalizados e 27.613 institucionalizados.

Igualmente, 2.104.294 de galegos e galegas terminaron o proceso chamados pola súa idade.

Por probabilidade de exposición, 72.172 profesionais do ámbito sanitario teñen pauta completa, 27.054 do sociosanitario e 43.343 traballadores de actividades consideradas esenciais tamén a recibiron.

As áreas sanitarias proseguen en Galicia desde mediados desta semana a aplicación da dose de reforzo a cidadáns do grupo de idade de 60 a 69 anos, así como con repescas de poboación de 70 a 79 anos.

A partir do día 13 de decembro tamén se poderá afrontar a tarefa de vacinar ás crianzas de entre 5 e 11 anos, após obter o visto e prace da Axencia Europea do Medicamentos (EMA) á medicina específica creada pola farmacéutica Pfizer.