A vacina de Janssen chegará a semana que vén

Vial da vacina de Janssen, desenvolvida por Johnson & Johnson. (Foto: Ringo Chiu/ZUMA Wir).

As primeiras doses arribarán a cuarta feira. Sobre a vacina de AstraZeneca, a ministra Carolina Darias segue a considerar só dous dos catro posíbeis escenarios que avalía a comunidade experta, á espera do que diga a "evidencia científica".

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, avanzou que a vindeira terza feira, 13 de abril, chegarán a España as primeiras doses da vacina de Janssen, que só precisa dunha inxección para lograr a inmunidade fronte a Covid-19.

As previsións do Ministerio de Sanidade, confirmou, é que España reciba até 5,5 millóns de viais de Janssen entre abril e xuño. "A terza feira, á primeira hora, chegan estas vacinas e, en principio, vai aplicar de acordo coa última actualización da estratexia de vacinación na mesma tipoloxía que as de RNA; é dicir, que iremos converxendo de 80 anos para abaixo", apuntou.

Evidencia científica

Sobre a vacina de AstraZeneca, a ministra afirmou que os expertos están a valorar distintas opcións respecto a que procedemento seguir coa segunda dose, e subliñou que a decisión que tome o Goberno "virá sempre da man da evidencia científica".

Darias expuxo que se poden dar distintos escenarios, mais referiuse só a dous, os mesmos enunciou esta mesma semana: o primeiro, quedar coa primeira dose e prescindir da segunda, dado que ofrece unha protección de 70%, e a segunda, pór unha segunda dose no tempo oportuno con outra vacina de tipoloxía RNA, algo que xa adoptaron outros países como Alemaña ou Francia.

Catro escenarios posíbeis

Porén, a comunidade científica suma outros dous escenarios a estes primeiros. Federico Martinón, membro do Comité Asesor de Vacinas da Organización Mundial da Saúde e xefe de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela asegura que "é moi remoto" que unha persoa que recibiu a primeira dose da vacina e non tivo "ningún problema" o vaia a ter coa segunda. Esta é, de feito, a opción pola que se inclina o investigador, por completar a pauta con AstraZeneca.

A segunda opción, defende, sería usar unha vacina distinta como segunda dose. Unha alternativa en estudo, nomeadamente sobre as posibilidades de "intercambiabilidade" cuxos resultados aínda non están dispoñíbeis. Con todo, aclarou, son anteriores a esta situación, e teñen relación cunha eventual rotura de stock.

Unha persoa que recibiu a primeira dose da vacina e non tivo ningún problema o vaia a ter coa segunda

A terceira opción consistiría en obviar a primeira dose e comezar de novo a pauta completa con outra vacina. Esta dixo, sería a "menos probábel", xa que significaría "moitas máis doses das que lamentabelmente están dispoñíbeis".

E por último, dixo, estaría a posibilidade de considerar que unha persoa que recibiu a primeira dose está "completamente protexida" e vixiar a súa evolución para confirmar que é suficiente.

Chamamento á tranquilidade

Todas as opcións están sendo analizadas e neste contexto as autoridades políticas e científicas coinciden nun chamamento á tranquilidade.

Dunha banda, Martinón lembrou que tanto a OMS como a Axencia Europea do Medicamento son "favorábeis" a seguir administrando a vacina de AstraZeneca e a que non se cambien os perfís dos pacientes aos que se administra, xa que é así como se está realizando na maioría dos países do mundo.

Doutra, Darias fiou a solución final ao consello das persoas implicadas, que han ofrecer unha "resposta segura e en concordancia ás circunstancias da propia metodoloxía da vacina", para reivindicar a eficacia, a seguridade e a capacidade de todas as vacinas para salvar vidas.

Da man de Europa

A maiores, a ministra de Sanidade afirmou que non hai ningunha "veda aberta" para que as comunidades autónomas adquiran o tipo de vacina que consideren, polo que pediu "corresponsabilidade" ás autonomías.

"A única vía que ve o Goberno de España, que é a vía da fortaleza, é ir da man coa Unión Europea". Para a ministra, ter unha estratexia de compra anticipada como tivo Europa foi un fito sen precedentes. Ademais, defendeu o cumprimento do Goberno de España con todos os territorios e a cidadanía a respecto da vacinación.