Os EUA autorizárona esta semana

A vacina da Covid para menores de 12 anos é "segura", mais non "prioritaria"

Os ensaios médicos de Pfizer e Moderna en menores de 12 anos evidencian a eficacia das vacinas e os escasos efectos secundarios (Foto: Tobias Arhelger).
Apenas 50% da poboación mundial ten xa as dúas doses da vacina contra a Covid-19, cuxa distribución está a ser moi desigual. Por iso, e tendo en conta que na Galiza os indicadores da pandemia fican en mínimos, as persoas expertas ven máis urxente completar a inmunización no resto do mundo que vacinar os cativos.

O Departamento de Saúde do Goberno estadounidense autorizou esta mesma semana a administración da vacina de Pfizer-BioNTech contra a Covid-19 ás e os cativos de entre 5 e 11 anos —arredor de 28 millóns nos EUA—, mais con doses de dez miligramos, un terzo da que se subministra ás persoas adultas. O proceso iniciarase na vindeira segunda feira.

Segundo os ensaios médicos desta compañía farmacéutica, a vacina ten unha eficacia de 90,7%, e os efectos adversos non difiren dos detectados en maiores de idade. Tamén os resultados dos estudos de Moderna foron positivos, obtendo unha boa resposta inmunolóxica e, de novo, con efectos secundarios leves como fatiga, dor de cabeza, febre e dor no lugar da inxección.

Aliás, no Estado español estanse a realizar diferentes ensaios, un deles en colaboración co Hospital Clínico de Compostela, cuxas conclusións serán públicas nas vindeiras datas.

A Axencia Europea do Medicamento (EMA, en inglés) comezou estudar a posibilidade de administrar o fármaco producido por estas dúas empresas a este grupo poboacional a mediados de outubro. Neste senso, a ministra de Sanidade, Carolina Darias, afirmou recentemente que o Goberno estatal está "preparado" e "á espera" do ditame da EMA —previsto para finais do presente ano— para iniciar o proceso de vacinación.

"Os nenos non son un vector de contaxio"

Na Galiza, segundo os últimos rexistros do Instituto Nacional de Estatística (INE), hai 155.893 nenos e nenas de entre 5 e 11 anos. Con todo, as persoas expertas amósanse reticentes a unha "vacinación masiva" deste colectivo e propoñen comezar unicamente coas menores que son máis vulnerábeis por padeceren algunha patoloxía.

"Xa sabemos que os cativos non son o problema, nin o foron durante as primeiras vagas da Covid-19 nin o son agora. Para eles a enfermidade é máis leve xeralmente, e tampouco son uns 'supercontaxiadores' como se dicía ao principio da pandemia", argumenta, en conversa con Nós Diario, a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo África González.

A este respecto, a inmunóloga salienta un recente estudo no que, após analizar perto de 40.000 familias, "concluíuse que o vector de contaxio non é o neno, senón que a transmisión se produce de adulto a neno".

González lembra que "todas as vacinas son seguras e eficaces", mais non son "completamente inocuas": "Cómpre pór na balanza os riscos e beneficios. Téñense detectado casos de miocardite especialmente en varóns novos", di.

Só 50% da poboación mundial está inmunizada

Tendo en conta que na Galiza a incidencia acumulada a 14 días da Covid-19 é moi baixa —21 casos por cada 100.000 habitantes— e xa se alcanzou a anhelada inmunidade de grupo, a inmunóloga considera "prioritario" completar a inmunización arredor do globo.

Neste senso, cómpre destacar que no continente africano só Marrocos —59,7%—, Tunisia —38,8%— e Suráfrica —21,2%— teñen máis de 20% da poboación vacinada coas dúas doses, mentres a meirande parte dos países non chegou aínda a 10%. A nivel mundial, pouco máis de 50% das persoas conta coa pauta completa.

"Antes de vacinar os nosos cativos é prioritario axudar a que noutros países as persoas vulnerábeis non falezan pola Covid-19, algo que aquí xa conseguimos. Por iso é importante inmunizar cando antes a maior porcentaxe de poboación posíbel a nivel mundial, xa que o noso sistema inmunitario ten memoria, e se xa viu o patóxeno unha vez pode xerar unha resposta de memoria e incluso mellorala no caso de que o virus chegue un pouco cambiado", sostén.

Así mesmo, África González explica que as e os mozos "están máis preparados para detectar novos patóxenos que as persoas adultas".

"Non precisamos unha terceira dose da mesma vacina"

A terceira dose da vacina, estase a administrar no país ás e os maiores de 70 anos, e Sanidade estuda aplicala tamén ao resto da poboación, algo que África González tampouco considera urxente.

"Case todos os estudos demostran que as vacinas seguen a ser eficaces fronte a todas as variantes. Isto podería mudar co tempo, mais nese caso precisaríamos un fármaco diferente. De cara ao futuro estase a traballar en vacinas 'multivariantes', pero non precisamos a terceira dose da actual", expón.